Compostela, 05/06/2026 – Os vemos cada día arredor da Catedral, unhas veces por un sitio e outras por outro pero sempre esperando para entrar. Intentouse poñer orde pero as colas van por libre e agora intentarase de novo regulalas.
O Arcebispado acolleu unha xuntanza entre Concello, Arcebispado e Turismo de Galicia co obxectivo principal de analizar distintas posibilidades de ordenación de fluxos de entrada á Catedral, incluíndo información sobre os tempos de espera para acceder que tamén contribúa a reducir as colas no exterior do edificio.
Participaron a concelleira de Turismo, Míriam Louzao, o deán da Catedral, Manuel Jesús Formoso, e o director da Axencia de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles. No encontro falouse de distintos sistemas tecnolóxicos que estaría en disposición de implantar o Concello e de estudos de afluencia de visitantes que xa ten realizado o Arcebispado, coa idea de combinar tanto dispositivos tecnolóxicos como físicos.
Para estudar a viabilidade dos diferentes sistemas, así como o deseño dos fluxos en relación a todos os elementos que operan na contorna da praza da Quintana e da praza de Praterías, decidiuse crear unha comisión técnica que incluirá diferentes perfís vinculados co patrimonio e a mobilidade, co obxecto de darlle solución a unha demanda histórica tanto da veciñanza compostelá como das persoas visitantes.
Na xuntanza tamén participaron o director da Fundación Catedral, Daniel Lorenzo, a xerente de Turismo de Santiago, Flavia Ramil, o director da S.A de Xestión do Plan Xacobeo, Ildefonso de la Campa, o canciller da Arquidiocese de Santiago, Elisardo Temperán, e o coordinador de seguridade da Catedral, Ricardo Sanz.
