займ срочно

Denuncia por unha presunta prevaricación en oposicións locais

0

Bisbarra, 28 de marzo do 2022 – En Lindeiros vimos de recibir unha denuncia por presunta prevaricación nunhas oposicións en concellos da bisbarra.

A denunciante centra a denuncia nun proceso opositor no concello de Touro. Na denuncia explícase ademais que algúns dos membros do tribunal participaron tamén en oposicións levadas a cabo na mancomunidade de Ordes.

Comezar mal

A denuncia aporta datos comprobables que, ao marxe de que o denunciado sexa ilegal ou simplemente unha mala práctica, debuxa o estado do persoal de moitos concellos.

O primeiro dato que aporta é que no concello de Touro “non hai un so funcionario con praza en propiedade, que estudiara para sacala” o que evidencia que “non se valora o esforzo que realizan os opositores”.

As oposicións levadas a cabo en Touro, ás que se presentaron 44 persoas dun total de 155 inscritas, tiñan un tribunal composto por tres secretarios, un secretario accidental e dous funcionarios. Un tribunal que chegou unha hora tarde e que comezou por facer pasar aos opositores dun en un sen chamalos en voz alta. Según a denuncia “Este feito supón unha alteración do principio de transparencia que debe rexer calquera proceso público, xa que se podería dar a situación de que posteriormente na lista de aprobados aparecera un aspirante que nen sequera se tivera presentado á proba”.

Exames copiado

Unha vez cos exámenes na man os opositores descobren que hai varias preguntas fora de temario. O cuestionario fora ademais traducido a castelán cun tradutor automático cos conseguintes erros. A solución dada polo tribunal foi “bueno, vós ides facendo o exame e se sae algo que estea mal traducímolo entre todos”.

O proceso empeora cando varios dos opositores decátanse “de que moitas preguntas xa nos sonaban de algún outro exame. Non fixo falta indagar moito na rede para descubrir que todo o exame estaba copiado, todo”.

A denuncia explica que “das 80 preguntas máis 5 de reserva, as 50 primeiras eran exactamente iguais, cos fallos incluídos, cos puntos e as comas, no mesmo orde, ao exame de auxiliar administrativo realizado na Mancomunidade de Ordes en decembro pasado. En ese outro proceso, e en outros anteriores, coinciden algúns dos secretarios dos tribunal.

Según a denuncia “nin sequera se molestaron en modificar o formato do documento”. Tamén destaca o perfil dos gañadores de esas oposicións xa que “hoxe en día é fácil comprobar a traxectoria nas oposicións de calquera persoa e, aínda que se poidan dar casos, os que xa temos algunha experiencia na preparación, sabemos que polo xeral non se dan casos de xente que saque a mellor nota dun proceso a primeira vez que se presenta, e moitos menos en procesos de concellos, onde o temario soe ser amplo e difuso e o tempo entre a convocatoria e os exames ás veces non pasa nin sequera dun mes”.

Máis coincidencias

As coincidencias no cuestionario con outros procesos non rematou co da mancomunidade de Ordes  “as preguntas 51 a 64 coinciden totalmente cun exame de outubro de 2020 realizado no Concello de Melide, de onde Secretaria outra compoñente do tribunal de Touro, so que neste caso tivo que engadirlle unha cuarta opción de resposta para que coincidirá coas bases do proceso de Touro”.

As coincidencias son tamén con procesos de fora de Galicia “as preguntas 65 a 85 foron copiadas, imaxinamos que pola parte do tribunal correspondente ao Concello de Touro, dun exame do concello toledano de Puebla de Almoradiel, posiblemente sacado da web de test de oposicións www.daypo.com, pois atopalo foi tan sinxelo como buscar unha das preguntas en Internet, co cal, aparte de non molestarse en redactar as preguntas, tampouco se complicaron moito á hora de copialas literalmente doutro exame”.

O feito de copiar preguntas non tería importancia se non fora porque dez preguntas non coincidían para nada coas bases da convocatoria de Touro “Non entraban temas de servizos sociais, plataformas electrónicas, Unión Europea nen urbanismo, temas todos eles que sí coincidían cos exames da Mancomunidade de Ordes, o Concello de Trazo, Melide e Almoradiel, de onde copiaron as preguntas”.

Alegacións non admitidas

Hai unha semana eran publicados os resultados das probas e a resposta ás alegacións presentadas. A denuncia explica que “de todas as alegacións, soamente aceptaron un erro de transcrición da resposta correcta na plantilla, ignorando por completo as impugnacións das preguntas que estaban a todas luces fóra do temario”.

A denuncia laméntase do habitual que resultan este tipo de feitos nas oposicións locais “froito do caciquismo imperante desde hai anos e mesmo tamén da total falta de preparación e de ética dos seus empregados, cuxo comportamento demostra que non coñecen o que conleva preparar unha oposición nin coñecen as ferramentas de apoio que empregamos os opositores, como por exemplo a web de oposicións de onde copiaron parte do exame”.

Para quen fai a denuncia o pior de todo é “que actúen en conivencia persoas representantes de tres concellos distintos. É moi posible que indagando un pouco máis nos procesos levados a cabo por estas persoas deamos cunha verdadeira trama de enchufismo en oposicións e diversos delitos de prevaricación, respecto aos cales todo mundo parece facer oídos xordos, aproveitando ademais a circunstancia de que os opositores carecemos de tempo para loitar polos nosos dereitos, pois mentres uns lle dedicamos horas a impugnar, recorrer e enfadarnos antes estas inxustizas, os demais seguen estudiando e tomando vantaxe”.

Nova lei de interinos

O futuro a curto prazo estará cheo de oposicións. A nova Lei de interinos obriga a que antes de xuño de este ano se saquen as prazas dos traballadores temporais. Os que leven máis de cinco anos no posto poderán optar por un concurso de méritos pero os que non superen os tres serán por un concurso oposición.

iso significa que moitos dos traballadores aos que alude a denuncia terán que presentarse a estes procesos e si no primeiro caso teñen moitas posibilidades de consolidar a praza, no segundo existe o risco de perdela ao ter que competir con outros aspirantes.

A lei busca que os empregados fixos nos concellos pasen do oito ao trinta por cento. Os procesos que se abran de aqui a xuño terán que rematar antes de decembro do 2024.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies