Ordes, 2 de marzo do 2017 – Tal como era previsible o pleno extraordinario de Ordes deixa un goberno coa capacidade de traballo moi controlada pola oposición.
A situación de inferioridade do goberno municipal sumouse o feito de que a concelleira Susana García deu a luz polo que, obviamente, non acudiu ao pleno.
Tódolos puntos foron aprobados co apoio de Unión por Ordes e os dous concelleiros non adscritos, as abstencións do Psoe e os votos negativos de BNG e Partido Popular.
Na práctica o control da acción de goberno en Ordes queda moi mermada. Os plenos pasan a ser os venres pola tarde, os organos colexiados terán presencia da oposición e pásase de 3 comisións a 10 polo que, ainda que a asistencia a comisión pasa de 200 € a 150€, ao ser un número maior o gasto aumentará. Para o alcalde José Antonio Sanjurjo, que viu rebaixado o seu soldo, a única motivación da oposición é “facer caixa” e presentará un contencioso xa que considera que as designacións en organos colexiados é unha facultade do alcalde.
Os próximos meses mostrarán o camiño que leva o concello de Ordes xa que o consenso buscado desde o goberno desde o inicio da lexislatura vese agora máis comprometido pola marcha dos dous concelleiros e a nova distribución que permitirá a oposición aprobar proxectos en pleno sen o apoio do goberno.
Actualización 3 de marzo do 2017
A maiores de todo o acontencido onte xurdiu a renuncia ao cargo de concelleira de Verónica Gómez da que damos conta en outra nova. Pero tamén Psoe e BNG emitiron sendos comunicados nos que explican as súas posturas no pleno e que podemos ler a continuación.
[columns]
[column size=”1/2″]Comunicado do BNG de Ordes sobre o Pleno
– PERIODICIDADE DAS SESIÓNS DO PLENO:
No pleno do 29/07/2015 fixáranse as sesións plenarias para o derradeiro Martes de cada mes. Hai escasos meses (pleno do 26/10/2016), acordárase por unanimidade cambialos para o último Martes de cada mes.
Dado que o último acordo é recente e unánime, non vemos a necesidade de modificar o día de celebración dos plenos, por iso votamos en contra.
– CREACION E COMPOSICIÓN DAS COMISIÓNS INFORMATIVAS:
No pleno do 29/07/2015, aprobouse cos votos favorables do BNG, PSOE e PP a creación das seguintes comisións:
Comisión informativa permanente de contas facenda e persoal.
Comisión informativa permanente de obras e urbanismo.
Comisión informativa permanente de asuntos xerais do pleno (ven sendo unha especie de “caixón de xastre” onde se tratan os temas que non teñen obxecto nas outras dúas comisións).
Naquel pleno instaurouse o sistema de representación única por grupo con voto ponderado (demanda recorrente do BNG na anterior lexislatura).
Por ese motivo votamos a favor no 2015, non vemos preciso modificalo e menos cando podes nomear varios/-as suplentes nas comisións que poden acudir en función do tema a tratar.
Votamos en contra.
– REPRESENTANTES EN ÓRGANOS COLEXIADOS:
Mantemos a mesma liña que a seguida nas últimas lexislaturas, creemos que os representantes do concello nos órganos colexiados (Consellos escolares, escola de música, cruz vermella, mancomunidade, etc.), deben ser membros do goberno. Son os que poden comprometerse a levar a cabo actuacións ou solucionar problemas.
Que un concelleiro/-a da oposición acudamos a eses órganos, non vai solucionar nada porque non podemos adoptar ningún compromiso xa que non estamos no goberno.
Por iso votamos en contra.
– RETRIBUCIÓN DO ALCALDE:
Nós sempre defendemos que o salario do alcalde de Ordes, debe ser o dunha persoa ben remunerada pola responsabilidade que ten. No pleno do 2015 propuxemos manter o que se estableceu na anterior lexislatura, 41.313,30 € brutos ao ano (A proposta do goberno era 43.000 e de UxO e PSOE 39.247,63). Foi a nosa proposta a que saíu adiante cun acordo unánime da corporación.
Con 41.313,30 € brutos, sae unha retribución líquida de 12 pagas de 2.160 € ao mes mais dúas extraordinarias de 2.468 €; o que consideramos un salario digno para a responsabilidade que ten o alcalde dun concello de mais de 12.500 habitantes e que manexa uns presupostos superiores a 8,5 millóns de €.
Consideramos que o que hai que facer en todo caso é esixirlle ao alcalde que se gañe o soldo (Ordes ten menos poboación e mais desempregados/-as hoxe que cando comezou a lexislatura).
A nosa posición foi a abstención neste punto.
– DIETAS ASISTENCIA A ÓRGANOS COLEXIADOS:
No pleno do 29/07/2015, acordouse establecer, cos votos a favor de BNG, UxO e PP, as seguintes:
Asistencia a Plenos – 125 €
Asistencia a Xuntas de goberno local – 200 €
Asistencia a Comisións Inform. e Xuntas de Voceiros- 100 €
Asistencia a Consello da Emisora Municipal – 100 €
Creemos que equiparar as Xuntas de Goberno Local ás comisións informativas e Xuntas de Voceiros é un erro porque nada ten que ver a responsabilidade que asumes nunhas e outras (hai xente imputada polas decisións que se toman nas Xuntas de Goberno Local). Tampouco viamos a necesidade de subir a asistencia a pleno nin de subir as comisións informativas e xuntas de voceiros.
Finalmente o noso voto foi en contra e quedaron as asignacións do seguinte xeito:
Asistencia a Plenos – 150 € (ao principio propuxeran 200)
Asistencia a Xuntas de goberno local – 150 €
Asistencia a Comisións Inform. e Xuntas de Voceiros- 150 €
Asistencia a Consello da Emisora Municipal – 100 €
En definitiva, o BNG manteu a coherencia co que sempre defendeu, co que propuxo no inicio de lexislatura e tratando de respectar os acordos aos que chegamos tódolos grupos da corporación naquel pleno do 29/07/2015.
[/column]
[column size=”1/2″]Comunicado do Psoe sobre o pleno
O PSOE de Ordes celebra a aprobación das súas emendas ás propostas realizadas por Unión por Ordes (UXO) que reducen en 50 euros as contías percibidas por cada concelleiro por asistencia ás sesións plenarias ordinarias e que non se cobre a asistencia a sesións extraordinarias. Unhas medidas que suporá un aforro mínimo de 10.200 euros anuais, así como 2.125 euros menos por cada sesión extraordinaria. Tomando en consideración o ano 2016, as emendas socialistas aprobadas onte suporían un aforro de 14.450 euros.
“O que pretendemos coas emendas é que o custo para as arcas municipais sexa o mesmo ou moi similar ao que está habendo agora, pero habendo máis participación, máis democracia e máis pluralidade”, defendeu a concelleira socialista Verónica Gómez. Os socialistas tamén votaron a favor do cambio das sesións plenarias, que pasan a celebrarse nas tardes do venres, e a determinación das retribucións dos cargos con dedicación exclusiva ou dedicación parcial.
Neste sentido, Gómez lembroulle ao alcalde que “estando na oposición se cansou de repetir por activa e por pasiva que o Concello estaba endebedado, pero a primeira proposta que fixo ao chegar á Alcaldía foi querer subirse o soldo 4.000 euros ao ano, porque 39.000 euros debe ser un soldo pequeno”. A concelleira considera que “convén que todos os veciños e veciñas saiban que o alcalde, nada máis entrar na Alcaldía, fixo o contrario que dicía estando na oposición. Sobre todo tendo en conta que no pleno do 26 de xullo de 2012 presentou unha moción na que, entre outras cousas, solicitaba baixarlle o soldo ao anterior alcalde un 7,1%, ata os 38.380 euros”.
Inactividade do actual Goberno
Os socialistas abstivéronse nos outros puntos da orde do día. Ante as acusacións lanzadas polo alcalde de que os grupos da oposición só pretendían “facer caixa”, a concelleira socialista lembrou que “a constitución destas comisións non supón necesariamente a súa convocatoria, só serán convocadas cando proceda” e denunciou a situación de “inactividade e inoperatividade” que vive Ordes onte “os temas seguen enriba da mesa, sen resolver, un mes tras outro”. Así mesmo, criticou que o alcalde non cumpra coas resolucións plenarias e mesmo as cualifique como “imposibles”, e puxo un exemplo: “a moción aprobada en xuño de 2016 para modificar as Ordenanzas de Tráfico e da Ora para dar un paso máis na defensa e loita pola igualdade das persoas con diversidade funcional leva dende aquela paralizada”.
Verónica Gómez defendeu que “nas comisións estaremos todos representados, todos os veciños e veciñas de Ordes, polo que claramente se mellorará a transparencia, a democracia e a participación de todos e todas nas decisións que rexan o Concello de Ordes”. Ademais, lembrou que a estas comisións irían 6 concelleiros, un por grupo político, e que se se convocan dúas mensuais, “o gasto aumentaría en 600 euros ao mes pero, coa redución de 50 euros das asistencias ás Xunta de Goberno, aforraremos 1.200 euros ao mes. Onde está o problema para o Concello neste punto”.
Falta de diálogo
Finalmente, os socialistas abstivéronse tamén no nomeamento dos representantes da corporación en órganos colexiados. Nesta cuestión, Verónica Gómez lembroulle ao alcalde que “vostede empezou a gobernar este Concello en minoría, con 7 concelleiros. E a min sempre me chamou a atención a súa falta de diálogo, pois cóntanse cos dedos dunha man as veces que nos convocou para falar de temas tan importantes como os orzamentos municipais, que por certo trouxo a este pleno, non saíron adiante e dende entón nin se sabe deles”.
Despois do abandono de dous concelleiros do grupo popular, “o PP quere gobernar con 5 concelleiros de 17, pero parece que vostede cando ten que falar coa oposición se pon moi nervioso e non lle gusta. Pero mire, isto é un sistema democrático e cando se quere gobernar con 5 concelleiros de 17 creo que todos e todas temos algo que achegar”.
[/column]
[/columns]