Bisbarra, 23 de decembro do 2020 – A Universidade da ONU volveu a escoller un proxecto galego sobre o impacto da minaría para outorgarlle o galardón “Proxecto Insignia Extraordinario” (Outstanding Flagship Project).
Na oitava edición de estes premios para proxectos innovadores de educación para o desenvolvemento sustentábel a ONU decidiu elixir a un espectáculo de monicreques baseado no libro infantil “A mina contamina”. Xa o ano pasado este libro xunto co documental “San Finx 1960”, e dúas unidades didácticas asociadas que explicaban os impactos da minaría de xeito comprensíbel para todos os públicos, acadaban este premio.
Ambas as dñuas iniciativas partiron do Centro de Saberes para a Sustentabilidade que decidiu producir e tornar público o vídeo do espectáculo a raíz da situación causada pola COVID, que imposibilitou a xira dos monicreques polo país que estaba a ser preparada.
Deste modo, ofrécese de balde xunto co libro infantil, unidades didácticas e documentario para que familias, centros e colectivos de todo tipo poidan utilizalos para entender mellor as consecuencias ambientais e sociais da minaría, en particular a contaminación por metais pesados.
Este ano, a iniciativa galega foi un dos 9 proxectos de todo o mundo que alcanzaron a máxima categoría de “Proxecto Insignia Extraordinario”, reservado para as propostas máis innovadoras e mellor fundamentadas desde o punto de vista pedagóxico e científico. “A mina cotamina” xa despertou interese noutros lugares do mundo, con iniciativas e solicitudes para traducir os materiais para o inglés, castelán e serbo-bosnio-croata.
Participaron na elaboración deste proxecto do Centro de Saberes para a Sustentabilidade a Fundação Montescola, a produtora cultural Axóuxere, o grupo Barahúnda e a Asociación Bubela de Abuín, contando ademais coa colaboración do Concello de Rianxo, a Rede ContraMINAcción, a Guerilla Foundation e a Plataforma PLADEMAR.