Compostela, 12 de novembro do 2018 – Iñigo Cainzos – Lindeiros – O Monbus Obradoiro visitou a cancha do Divina Seguros Joventut querendo conseguir a cuarta vitoria da tempada pero escapóuselle nos minutos finais (83-79).

Vantaxe obradoirista
O Monbus Obradoiro afrontaba este partido coa coñecida baixa de Ben Simons e a de última hora de Maxime de Zeeuw, con molestias no seu xeonllo. Os badaloneses saíron coa quinta marcha marcándose un parcial de 6-0 que responderon os galegos con triplos de Pozas e Brodziansky, e as canastras na pintura de Llovet.
Os galegos apertaron en defensa e aumentaron o seu acerto en ataque para conseguir un parcial de 0-9 (21-31, min. 14), que descolocaba aos verdinegros. Aumentou a distancia o Monbus Obradoiro e foi Laprovittola quen conseguiu freala para irse ao descanso 36-43.

Igualando o marcador tras o paso por vestiarios
Os de Carles Durán non querían deixar escapar o partido e saíron de vestiario moi intensos en ataque, conseguindo anotar un parcial de 7-0 con puntos de Ventura, Todorovic e Laprovittola en pouco máis dun minuto que empataba o electrónico a 43-43.
Golpe a Pepe Pozas
Pero o Monbus Obradoiro, con Nick Spires e dous triplos de Pepe Pozas, volvían aumentar a distancia no marcador. O base malagueño estaba a realizar os seus mellores minutos no terceiro cuarto (12 puntos e 7 asistencias en 15 minutos de xogo) e o equipo sentía moi cómodo en ataque cando recibiu un golpe de Harangody no seu ollo esquerdo e tivo que abandonar o encontro sen apenas visión.
Escapada final dos badaloneses
Aumentou a intensidade defensiva o Divina Seguros Joventut e os de Moncho Fernández non tiveron acerto no minuto final do encontro. Laprovittola e Dawson puxeron de novo ao seu equipo por diante no marcador a falta de 2 minutos para o final (73-71) e Ventura poñía o pavillón en pé cun triplo a falta de 1:05 (78-73).
Non se rendeu o Monbus Obradoiro e sumou tres puntos desde a liña de tiros libres Kostas Vasileiadis (80-78), que foi respondido de novo por Todorovic (82-78). Llovet achegaba ao seu equipo a tres puntos a falta de 9 segundos cun tiro libre pero unha falta final sobre Laprovittola fixo que o choque finalizase 83-79 e a vitoria quedase en Badalona.

A batalla dos rebotes ofensivos
O Divina Seguros Joventut gañou na batalla do rebote, capturando 37 fronte aos 25 do Monbus Obradoiro. Marcaron a diferenza os 17 rebotes ofensivos dos verdinegros.
O Monbus Oradoiro afrontará o segundo desafío consecutivo lonxe de Santiago o vindeiro domingo, ante o UCAM Murcia, ás 12:30 horas. O equipo volverá a Sar para xogar ante a súa afección o domingo 25, ás 17:00 horas, recibindo ao Kirolbet Baskonia.

I went over this site and I think you have a lot of good information, saved to fav 🙂