Bisbarra, 16 de outubro do 2024 – Ven de ser presentado o obradoiro de garantía xuvenil Terras de Iria que formará a quince mozos e mozas, dos concellos de Dodro, Rois e Padrón, en maquetación.
Terras de Iria está financiado con 411.000 euros pola Xunta de Galicia. Supón unha oportunidade de formarse en maquetación de elementos gráficos e impresión. O acto de presentación celebrouse no Auditorio de Rois e participaron os alcaldes de Padrón, Anxo Arca, Dodro, Xabier Castro, e Rois, Ramón Tojo. Contaron tamén coa presencia do director territorial da Consellería de Emprego, Juan José Couce, e o alumnado e o equipo docente do obradoiro.
O obradoiro Terras de Iria 2024 é o sexto que se desenvolve dirixido a mozas e mozos de entre 18 e 30 anos. Ramón Tojo, alcalde de Rois, destacou que esta continuidade demostra a decidida aposta polo emprego dos tres concellos do Sar, que malia ter gobernos de distinto sino político únense para impulsar conxuntamente iniciativas en beneficio da veciñanza.
O programa de emprego Terras de Iria é un programa mixto de formación dirixido a mellorar a ocupabilidade de persoas mozas desempregadas, que son contratadas baixo a modalidade de contrato para a formación en alternancia. Este modelo de alumnado-traballador permítelles aos participantes dedicarse en exclusiva á aprendizaxe durante os doce meses de duración do obradoiro.
Tamén interveu no acto o alcalde de Padrón, Anxo Arca, que subliñou a pertinencia da formación que se vai desenvolver nun mundo cada vez máis dixital e dominado pola imaxe. Nesta liña, animou os participantes a aproveitar este obradoiro recordándolles que pode ser a chave que lles abra outras oportunidades.
Máis alá de ofrecer saídas laborais ó alumnado, o obradoiro ten unha vertente social ao desenvolver accións beneficiosas para a comunidade, tal e como lembrou o director territorial da Consellería de Emprego, Juan José Couce. En concreto, mozas e mozos dedicaranse no próximo ano a realizar catálogos de imaxes e fotoimaxes, infografías e maquetación editorial que sexa de interese para a veciñanza de Rois, Padrón e Dodro. Asimesmo, traballarán na imaxe corporativa e deseñarán material promocional dos tres concellos participantes.
Estas accións súmanse ás desenvolvidas polo alumnado do obradoiro Terras de Iria 2023, clausurado hai tan só uns días, e que aplicou a formación en confección e maquetación de páxinas web para seguir desenvolvendo á páxina Terras de Iria.
Por outro lado, nestes momentos está aberto tamén o prazo de selección do alumnado e do equipo docente do obradoiro dual de emprego Comarca do Sar, promovido polo Concello de Padrón en convenio cos de Rois e de Dodro.