Compostela, 26 de novembro do 2018 – Íñigo Caínzos – O Monbus Obradoiro caeu contra o Kirolbet Baskonia nun partido vibrante, disputado de forma soberbia polos de Moncho Fernández, que combateron de ti a ti fronte ao subcampión de Liga.
Un partido vibrante

Monbus Obradoiro e Kirolbet Baskonia asinaron un partido apaixonante no Fontes do Sar, moi disputado, con alternativas, pequenas escapadas e batallas encarnizadas. Saltaron faíscas en todas as frontes, mentres que obradoiristas e baskonistas alternaban dianteiras no marcador (once vantaxes para cada un). Ademais, ata noutras once ocasiones estiveron empatados. As escapadas de cada un dos equipos foron neutralizadas de forma inmediata polo seu rival.
Duelo colosal na pintura

As batallas máis atractivas libráronse, durante moitos minutos, na pintura. No bando local, Hlinason axigantouse, especialmente na primeira parte, con 12 puntos, contundente preto do aro. Despois de varios partidos nos que o Monbus Obradoiro fora superado polo seu rival no rebote, pelexouno e traballou duramente, sendo capaz de darlle a volta á situación e superou aos de Perasovic, con 32 rebotes (23 ofensivos e 9 defensivos) fronte aos 27 do Baskonia (22 ofensivos e 5 defensivos).
O Monbus Obradoiro axigántase en defensa
Os homes de Moncho Fernández renderon durante practicamente todo o partido a un nivel extraordinario en defensa. As axudas chegaron a tempo, os cambios defensivos desconcertaron aos atacantes baskonistas, e as mans na retagarda pecharon moitas vías de anotación á escuadra vasca. O Monbus Obradoiro secou durante tres cuartos aos tiradores baskonistas, con dous acertos desde máis aló do 6,75 no primeiros trinta minutos.
As perdas lastran ao Monbus Obradoiro
Uno dos poucos ‘peros’ que tivo o partido do Monbus Obradoiro foron as perdas de balón, cun total do 18. Os xogadores de Perasovic souberon aproveitar as recuperacións, con 18 puntos, algúns deles en canastras fáciles e sen oposición. Cada vez que o Monbus Obradoiro escapábase no marcador (7 arriba no terceiro cuarto, seis arriba no último), Baskonia respondeu elevando a intensidade defensiva e provocando erros na circulación do balón por parte dos galegos. O Kirolbet Baskonia agarrouse ao partido a partir das perdas locais e remontou a contenda no tramo final.
Marcelinho sufoca a rebelión obradoirista

O xogador máis importante do partido para o Baskonia foi Marcelinho Hortas. O base brasileiro puxo calma no medio da angustia vasca, e dominou o tempo do encontro de forma espléndida. Hortas foi capaz de reactivar no terceiro cuarto as conexións con Poirier e Shengelia, desatascou aos seus no triple no tramo final e acertou coas súas penetracións e bombas marca da casa. Ao Baskonia cambioulle a cara con Marcelinho en cancha, con doce puntos no último cuarto para un total de 24 e 20 de valoración.
