Lousame, 2 de maio do 2017 – O Concello de Lousame organizará unha segunda edición do obradoiro de animación á lectura “Os catro tesouros do gabinete do escribán”.
O interese suscitado na primeira edición fixo que se cubriran as vinte prazas ofertadas, tanto de adulto como de nenos e quedara xente en lista de agarda. Un obradoiro de aproximación á escritura chinesa que foi impartido por Miguel Ángel García Cortés.
Durante pouco máis de hora e media, o monitor fixo unha pequena introdución á cultura chinesa e a súa escritura, ao tempo que ía debuxando uns trazos cos que representou unha breve historia. Acto seguido tivo lugar un obradoiro práctico de introdución á caligrafía chinesa na que dez nenos e nenas e outros tantos adultos de Lousame tomaron os pinceis para escribiren as súas propias palabras en chinés.