Ordes 26 de xullo do 2017 – A Consellería de Economía, Emprego e Industria vén de comunicar nestes días a concesión do obradoiro de emprego Ordes-Frades para desenvolver de maneira conxunta entre ambos concellos.
Unha iniciativa que terá unha duración de nove meses e que contará con 20 prazas para as especialidades de albanelería e xardinería. O orzamento total que se investirá ascende a 334.844 €, dos cales 280.000 € apórtaos a Xunta de Galicia.
No caso de Ordes as actuacións previstas no obradoiro céntranse no acondicionamento dos locais sociais do Mesón do Vento (antiga escola) e Parada. Tamén se intervirá nas proximidades do parque Pilar Martínez e no paseo fluvial Ramiro Recouso, dándolle continuidade ao iniciado no obradoiro anterior, ademais da estación da Pontraga, onde se instalará a sede do obradoiro.
As persoas interesadas en participar no proceso selectivo poderán solicitar a súa inscrición na oficina de emprego de Ordes. Terán preferencia, en xeral, as persoas beneficiarias da Renda de Integración Social de Galicia (Risga), mulleres, vítimas da violencia de xénero, traballadores que esgotaran as prestacións ou subsidios por desemprego, parados de longa duración, maiores de 45 anos, persoas sen titulación universitaria ou de FP de grao superior, e persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social.
En total na provincia da Coruña levaranse a cabo 24 obradoiros de emprego, entre os de carácter xeral e os de Garantía Xuvenil. Mediante estas iniciativas investiranse en políticas activas de emprego máis de 5,4 millóns de euros. Estes permitirán que un total de 440 persoas desempregadas se formen nun oficio mentres realizan tarefas en beneficio de espazos e instalacións públicas de 59 municipios. Os participantes recibirán un certificado de profesionalidade con validez en todo o Estado. A duración dos obradoiros xerais amplíase de seis a nove meses e está previsto que a maioría comecen en setembro.