Compostela, 26 de setembro do 2017 – O Obradoiro conseguiu a oitava Copa Galicia consecutiva gañando ao Café Candeas Breogán por 75 a 71.
Os de Moncho Fernández saltaron á pista sendo conscientes de que debían empregarse a fondo para conquistar a súa oitava Copa Galicia consecutiva. Erraron en ataque os dous equipos nos primeiros minutos do partido e o Café Candeas Breogán fixo que o Monbus Obradoiro non se sentise cómodo na pista. Artem Pustovyi anotaba desde debaixo de canastra para poñer ao seu equipo por diante coa axuda de Llovet e Thomas desde triplo, pero non tardou o conxunto lucense en reaccionar cun parcial de 0-6 para adiantarse no marcador. O primeiro cuarto pechouse tras unha canastra de Pechacek tras rebote cun 16-17 reflectido no marcador.
O segundo tempo estivo marcado pola mellora na porcentaxe de acerto exterior por parte de ambos os equipos. Dous triplos de Simons xunto aos dous de Corbacho mantiñan a igualdade no encontro. O equipo lucense aumentou a distancia poñéndose 6 puntos por encima ao que o conxunto compostelán respondeu cun parcial de 10-2 que os puxo por diante para finalizar o cuarto 40-38.
Tras o paso polos vestiarios, Thomas guiou ao seu equipo grazas aos seus tiros desde o perímetro pero a falta de acerto do Monbus Obradoiro permitiu coller carrerilla ao Café Candeas Breogán que, con catro puntos de Demetrio e cinco de Cigoja, puxeron ao seu equipo oito arriba para finalizar o terceiro cuarto (49-57).
No último cuarto ambos os equipos colleron moito máis ritmo e o encontro viuse marcado pola intensidade e o intercambio de canastras entre ambos. A mellora no aspecto defensivo por parte do equipo obradoirista e un parcial de 8-4 fixo que Natxo Lezkano parase o partido con tempo morto. A igualdade mantívose ata os minutos finais cando Thomas igualou o marcador cun triplo (69-69). O Café Candeas Breogán puido sentenciar o partido pero perdeu o balón. Esta recuperación de balón, sumada ao acerto dos tiros libres de Llovet e unha canastra de Bendzius fixo que a vitoria caese ao lado santiagués, conseguindo alzar a oitava Copa Galicia consecutiva para despedirse da pretempada ante todos os afeccionados que se desprazaron ata Marín para animar e apoiar ao equipo. A semana que vén comeza a liga Endesa para o Monbus Obradoiro, que recibirá ante a súa afección o vindeiro sábado, ás 20:00 horas, ao Tecnyconta Zaragoza.
FICHA TÉCNICA
Monbus Obradoiro 75: Sàbat (2), Llovet (17), Pustovyi (6), Navarro (8) e Thomas (21) ? quinteto inicial -, Simons (6), Gómez (0), Bendzius (3), Pechacek (4), Corbacho (6), Pozas (2) e Laksa (0).
Café Candeas Breogán 71: Jerker (14), Arco (11), Rubio (8), Díaz (7), Demetrio (12) ? quinteto inicial ? Úriz (6), Beltrán (0), Cigoja (7), López (0), Fuzaro (4) e Quintela (2).
Árbitros: Pérez, Cortés e Rial. Parciais: 16-17, 24-21, 9-19 e 26-14.