Compostela, 21 de setembro do 2017 – O Monbus Obradoiro organiza, xunto á Fundación Heracles, o concerto benéfico Son do Obra para inaugurar a tempada acompañado de toda a súa afección.
Este venres día 22, ás 20:45 horas, o hall principal do Palacio de Congresos de Santiago acollerá Son do Obra coa finalidade de recadar fondos para a
Fundación Andrea (de apoio aos nenos con enfermidades de longa duración,
crónicas ou terminais), á Fundación Down Compostela (Fundación Síndrome de Down) e a Asanog (Asociación de Axuda a Nenos Oncolóxicos de Galicia).
Este concerto servirá tamén para presentar de maneira individual a todos os integrantes do persoal obradoirista desta tempada. En total serán tres grupos musicais e dous monologuistas os que amenizarán a noite a toda a afección. O cantautor santiagués e a súa banda, Jorge Casal e Os Cans de Ninguén, inaugurarán o escenario de Son do Obra deleitando aos presentes cos seus
temas. O humorista Pepo Suevos encargarase de sacar a relucir os sorrisos de todos os asistentes antes de continuar coa seguinte actuación, momento no que se subirán ao escenario as Tanxugueiras coas súas pandeiretas para facer mover ao público. O monologuista Víctor Fábregas continuará co toque humorista entre concerto e concerto para dar paso, a continuación, ao grupo de pandereteiros e músicos de folclore galego, Dávos porfía, entre outras sorpresas.
O prezo das entradas para este concerto será de 5€ fóra dos abonados, que poderán retirar dúas invitacións gratis (ata completar aforamento) nas oficinas do club ou na tenda oficial Tiro Libre Scq, presentando o DNI ou o resgardo do abono. Aqueles que non poidan retiralas en persoa poderán reservalas enviando un correo electrónico cos seus datos a abonados@obradoirocab.com.
As entradas están á venda ademais de nas oficinas do club e en Tiro Libre, nas oficinas de Down Compostela (Rúa de Alejandro Novo González, 1), Fundación Andrea (Rúa de Ferrol, 2) e Asanog (Avenida Quiroga Palacios, 54).