Compostela, 25 de novembro do 2021 – A Fábrica Nacional de Moeda e Timbre dedica este ano a peza de 30 euros ao Xacobeo 2021 – 2022.
A Real Casa da Moeda emite desde 1994 unha Moeda de Prata de 30€ que se dedica a conmemorar o acontecemento ou efeméride máis relevante do ano.
A dedicada ao Xacobeo ten a particularidade de que o público a poderá adquirir sen sobrecusto, unha excepción única ata o de agora. Este tipo de pezas sempre teñen un valor superior cando se poñen a venda que soe superar os 50 euros.
A presentación desta moeda desenvolveuse no Salón Nobre do Concello de Santiago a cargo de José Miñones, delegado do Goberno en Galicia; Isabel Valldecabres, directora xeral da Fábrica Nacional de Moeda e Timbre-Real Casa da Moeda; Román Rodríguez, conselleiro de Cultura; e Xosé Sánchez Bugallo, alcalde da cidade.
O acto de presentación iniciouse cunha intervención en vídeo da vicepresidenta primeira e ministra de Asuntos Económicos e Trasformación Dixital, Nadia Calviño, que destacou os valores compartidos entre a moeda e o camiño, esperando que a moeda sexa o “símbolo desa senda de progreso que habemos de percorrer xuntos”.
Os artistas e profesionais da FNMT- RCM quixeron reflectir nesta moeda a importancia do camiño, como punto de encontro, reflexión, cambio e superación. Esta moeda forma parte das achegas do Estado á celebración do Xacobeo 20-21, e forma parte das actividades programadas polo Consello Xacobeo.
Para a distribución desta moeda cóntase desde 1994 coa colaboración altruísta das oficinas da gran maioría das entidades financeiras española, que son imprescindibles para facilitar a posta ao dispor da moeda de 30€ ao público, e en definitiva para a viabilidade do proxecto.

