Bisbarra, 14 de setembro do 2021 – O vertido de purins en Trazo que contaminou o abastecemento de auga en Compostela, Ames e Brión abre un pequeno debate na capital mentres se traballa para resolvelo.
Todos os grupos piden transparencia en este tema e que se esclarezan os motivos do vertido na auga do Tambre. O Deputado do PP, e presidente da xestoral local, Borja Verea cuestionou a capacidade de reacción do equipo de goberno en este tema “quizais a cuestión máis preocupante é que se o venres se pecha a pranta e o sábado xa hai restricións a pregunta que nos facemos é se Santiago non ten nin 24 horas de reserva de auga potable, se é así a preocupación multiplícase”.
O alcalde recoñeceu en rolda de prensa que con un consumo moderado a reserva dos tres depósitos da cidade é de 48 horas e cun consumo normal pode que 24. O certo é que esta é a situación desde hai anos.
Pola súa banda Compostela Aberta quere ter toda a documentación sobre o sucedido. O grupo municipal de CA quere saber cando tiveron coñecemento da situación tanto Augas de Galicia como o Goberno local e Viaqua, a empresa concesionaria da auga, e que pasos se deron para evitar os maiores prexuízos á cidadanía.
Reunión na Xunta
Na tarde de este luns reuníanse a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, a directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, e o delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, cos alcaldes de Ames, Blas García, Brión, Pablo Lago, e Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, para informar da situación.
No encontro, a Xunta de Galicia informou dos traballos que está a realizar desde o primeiro momento na zona de orixe do vertido, unha granxa situada na parroquia de Santa María de Trazo, con medidas de vixilancia e contención.
No punto do vertido estase a frear o xurro mediante gabias de contención de 150 metros lineais con alpacas de gran tamaño e con sepiolita, que absorben o material contaminante e evitan as infiltracións.
Ademais, nas marxes do regato de Portaferreiros, o afluente do río Tambre afectado polo vertido, habilitáronse balsas de retención que se drenan para retirar a continuación o material sólido.
Máis de 15 persoas de Augas de Galicia traballan con apoio de retroexcavadoras sobre o terreo, onde tamén está mobilizado persoal do Concello de Trazo.
O alcalde de Santiago avanzaba ao remate da reunión que nun período de 48 horas podería estar todo solucionado.