Bisbarra, 13 de agosto do 2021 – A hostalería mostra a súa satisfacción pola decisión do TSXG que anula a obriga de solicitar certificado Covid para acceder aos locais.
Os hostaleiros compostelanos que asinaron o recurso ante o TSXG, Lois Lopes (A Nave de Vidán SL), Sergio Fernández (Antealtares Compostela SL), David Dopazo (Noavero SL) e Lucía Vázquez (Bar Bicoca), contaron co apoio dun total de 16 asociacións aglutinadas en torno a Hostalería Federada Galega (HOSFEGA) e a Plataforma Galega en Defensa da Hostalería, que representan a máis de 4.000 empresas en Galicia.
Os hostaleiros lamentaron que unha medida ilegal estivese vixente durante tres semanas, desde o pasado 24 de xullo, un período no que se causou un prexuízo incalculable tanto na restauración, aloxamentos, provedores e, sobre todo, no lecer nocturno.
Entenden que a suposta madurez da Administración autonómica “quedou en evidencia ao decretar unha orde que non contaba coa preceptiva autorización xudicial das medidas” como se especificou literalmente no recurso interposto o 6 de agosto.
Desde este colectivo destacan que o denominado certificado Covid tivo unha enorme repercusión na actividade, causando perdas inmensas, ben pola necesidade de dedicar recursos económicos e persoais como polo descenso de clientela. Por este motivo, a hostalería reclama de novo que se faga efectivo un plan de indemnizacións real para paliar o esforzo suplementario que supuxo a implementación dunha orde tan relevante e que, incriblemente, ía en contra da lei.
Por outra parte, apelan á activación de xeito inmediato do diálogo entre a Xunta de Galicia e o conxunto da hostalería, un diálogo que consideran de vital importancia para non seguir dando bandazos na aplicación de medidas que criminalizaron ao sector e, case nunca, foron efectivas para frear a pandemia e salvagardar unha actividade que xenera milleiros de postos de traballo en Galicia.