Ames, 29 de outubro do 2020 – O Secretario Xeral de Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, visitou a Asociación Palmira Bulebar do Milladoiro que ofrece condiciones especiais de negocio aos emigrantes retornados.
O presidente da asociación, José Manuel Fernández Gómez, explicou a Rodríguez Miranda que se trata de tres locais que foron reformados e preparados para que as e os interesados poidan poñer en marcha de maneira inmediata o seu negocio. Un deles, mesmo, xa conta cunha liña de explotación concreta como vinoteca e degustación de queixos e conservas.
O secretario xeral destacou a importancia de que asociacións de empresarios como a de Milladoiro sirvan de referencia e acollemento a emprendedoras e emprendedores galegos que desexen iniciar unha nova vida en Galicia. “Estar apoiados e acompañados é moi importante, en especial, en ámbitos como o administrativo ou a través da minimización de gastos”, engadiu Antonio Rodríguez Miranda.
As persoas interesadas terán que presentar un plan de traballo para garantir que o seu proxecto conta con viabilidade e estabilidade e tamén deben ter unha estratexia de dinamización e competencias no campo dixital. Para máis información poden dirixirse á dirección electrónica: asociacionpalmirabulebar@gmail.com.
Final do prazo das Axudas ao retornado emprendedor
O secretario xeral lembrou neste sentido que continúa aberta, ata o próximo 30 deste mes, a convocatoria da liña de Axudas ao retornado emprendedor, un programa deseñado co obxectivo de colaborar cos galegos e galegas do exterior que regresan á comunidade para poñer en marcha un negocio propio.
“Iniciativas como a que presenta a Asociación de Empresarios de Milladoiro son moi atractivas para este tipo de emprendedor que quere iniciar unha nova aventura empresarial en Galicia e que ve, no apoio deste tipo de entidades, un importante puntal para poñer en marcha o seu propio negocio e volver empezar”, engadiu Rodríguez Miranda.