Compostela, 4 de febreiro do 2019 – O Santiago Futsal levouse o derbi ante o Noia Portus Apostoli en Santa Isabel cun contundente 4 a 0. Os de Santi Valladares suman tres puntos máis e colócanse na metade da táboa.
A primeira parte do derbi estivo repartida en ocasións e en xogo para ambos os contendentes e foise ao descanso cun 0-0. Os dous equipos loitaron cada balón coma se fose o último, conscientes do que se xogaban, pero o gol non chegou grazas á gran actuación dos dous porteiros.
Co inicio da segunda parte, o equipo de Santi Valladares sacou as súas armas para relucir, tanto no técnico como no táctico. O primeiro gol foi obra de Christian Chao, tras un disparo cruzado desde fóra da área. Os visitantes non se botaron atrás, pero Brian puxo distancia no marcador cun gran disparo a media altura.
A continuación o Noia sacou ao seu quinto home, pero a gran defensa proposta polo Santiago Futsal conseguiu non só non encaixar ningún gol, se non marcar dous desde longa ditancia grazas á súa intensidade defensiva a través de Christian Chao e Zequi.
En declaracións posteriores ao encontro, o adestrador visitante admitiu a progresión do Santiago Futsal ao longo da tempada, as ganas coas que afrontaron o partido e lamentou as ocasións desperdiciadas polos seus.
Pola súa banda, Santi Valladares mostrouse feliz co rendemento, a disciplina e a madurez do seu equipo. Noutras declaracións tamén dixo que “A dinámica dos resultados é moi positiva” e que “imos seguir traballando como o viñamos facendo”.