Compostela, 1 de setembro do 2018 – O Santiago Futsal cae pola mínima ante os anfitrións do Torneo Burela Bonita, o Peixes Rubén Burela, e hoxe disputará as sete e media o encontro polo 3º e 4º posto. Un resultado moi distinto ao do 2017 cando foron gañadores do torneo.
Os de Santi Valladares saltaron á pista de Vista Alegre cun persoal composto por 10 xogadores debido ás numerosas baixas. O Santiago Futsal dou todo de si para conseguir un pase á final que se antollou complicado, a pesar de ser superior ao seu rival en diversas fases do encontro. A escuadra celeste chegou con opcións ata os últimos minutos, nos que reduciu distancias debido á persistencia en ataque. O cansazo acumulado e a falta de efectivos tras a lesión de Everton no minuto 34 terminou por pasar factura aos santiagueses.
Primeiros instantes de tenteo con movemento fluído de balón e sen grandes alardes ofensivos.
As ocasións chegaron a conta pingas nos 10 primeiros minutos. Santi tivo todas as intencións de abrir o marcador nun saque de falta axustado ao pau no apareceu o meta local Edu para enviar por liña de fondo. Os da Mariña probaban sorte en rápidas saídas por banda que a defensa celeste frustraba sen maiores complicacións. Zequi volveu gozar dunha boa ocasión cun disparo cruzado a media altura na que, de novo Edu, salvou aos locais. Traspasado o ecuador do primeiro acto, Hélder foi quen de anotar o primeiro tanto dos seus ao rematar, ao segundo pau e de socato, un centro desde a dereita do seu compañeiro Loito. Pitero puido aumentar a conta en dúas chegadas consecutivas, pero un atento Álex Pérez frustrou calquera posibilidade laranxa de aumentar a conta antes do descanso.
Aos tres minutos de iniciarse o segundo acto Luisma puxo o 2-0 no luminoso ao recoller e rematar con fortuna un balón morto dentro da área celeste. Co marcador en contra, os de Santi Valladares envorcáronse en ataque e non puxeron as cousas fáciles ao seu rival. Adrián probou ao gardameta mariñán Imanol en dúas accións consecutivas; ambas as frustradas por cérbero laranxa na mesma líena de gol. O despregamento físico realizado durante todo o encontro non minguou a dispoñibilidade celeste para reducir distancias e achegarse no marcador. A lesión de Everton no minuto 34, que tivo que abandonar a pista axudado polos servizos médicos, sorprendeu ao Santiago Futsal no seu obxectivo de anotar o gol que os metese na loita por un posto na final. No 38′ un disparo de Dani Branco, que tocou en Luisma antes de introducirse na portería mariñá, supuxo o 2-1 que achegaba aos de Valladares a un merecido empate. Pero os últimos segundos consumíronse cometendo os celestes a sexta falta, e o consecuente tiro de dobre penalti, para o que entrou o meta viveirense Iago Barro que detivo o lanzamento desde 10 metros de Matamoros. A última do partido tívoa Isma: disparo desde a esquerda que se paseou por diante da portería defendida por Imanol sen atopar rematador.
Hoxe encontro polo 3º e 4º posto ás 19.30 h contra o equipo perdedor da segunda semifinal de Torneo entre Noia Portus Apostoli e Palma Futsal.
Ficha do partido:
Peixes Rubén Burela: Edu, Loito, Hélder, Vargas e Luisma -cinco inicial- Pope, Matamoros, Pitero, Porto, Imanol, Nito.
Santiago Futsal: Álex Pérez, Dani Branco, Isma, Santi e Dani Zurdo -cinco inicial- Everton, Zequi, Adrián Rodríguez, Alberto e Iago Barro.
Incidencias: Partido correspondente á eliminatoria de semifinais do Torneo Burela Bonita celebrado no Municipal de Vista Alegre (Burela).
Árbitros: Cid Bragado e Vilas López. Amoestaron con cartón amarelo a Pope por Peixes Rubén Burela e a Santi polo Santiago Futsal.
Goles: 1-0 min.11 Hélder; 2-0 min.23 Luisma; 2-1 min.39 Luisma ( pp).