Lalín, 20 de febreiro do 2019 – O Concello e Roteiros de Lalín realizan un balance moi positivo dos resultados acadados coa campaña de promoción das diversas rutas de sendeirismo e do Cocido desenvolta durante o mes de febreiro.
Nesta ultima fin de semana os voluntarios e voluntarias de Roteiros acompañaron a dous grupos chagados dende A Coruña e dende Bueu, que realizaron respectivamente o Roteiro do Corpiño e a Ruta da Fraga de Quiroga. Ademais, o sábado pola mañá o grupo “Alecrín” organizou unha andaina pola serra do Candán, mentres que representantes da plataforma Salvemos Catasós acompañaron a outro grupo na tarde do sábado a visitar o Monumento Natural. O domingo tamén houbo sendeiristas na Fraga de Catasós convocados pola organización “A senda do moucho” que viñeron dende Vigo.
Os 43 sendeiristas chegados de A Coruña foron guiados por un voluntario de Roteiros de Lalín. A ruta partiu do Pazo de Liñares e rematou en Anzo despois de 12 quilómetros. Seguidamente os participantes trasladáronse en autobús ata O Corpiño onde degustaron un excelente cocido. Xa pola tarde este grupo visitou o Santuario e fixo parada no Pazo de Anzuxao onde puideron degustar e adquirir queixo e mel en lácteos Anzuxao. Os asistentes destacaron a paisaxe e as fermosas casas grandes de aldea que se poden ver durante o percorrido. As igrexas de Noceda, Madriñán e Anzo estiveron abertas para ser visitadas e os participantes escoitaron breves explicacións sobre os seus elementos máis destacables. Tamén foron apreciados os castros de Noceda e Losón así como as diversas mostras de arquitectura popular existentes no percorrido, especialmente os muíños, e a “pedra seca” das congostras e valados.
En canto ao grupo de Bueu, os 40 integrantes do mesmo fixeron un pequeno percorrido de 3 quilómetros pola Fraga de Quiroga guiados tamén por voluntarios de Roteiros de Lalín e de Salvemos Catasós. Os participantes escoitaron os detalles destacables das Fragas de Catasós e foron postos ao día da súa situación e da necesidade da extensión da protección de todo este espazo ademais da Fraga de Quiroga como Monumento Natural. Seguidamente acudiron a desfrutar dun Cocido nun dos restaurantes do Concello.
A simbiose entre Cocido e sendeirismo polas máis fermosas paraxes lalinenses é unha das mellores experiencias de ocio das que se pode disfrutar neste inverno. O traballo desenvolvido nos últimos anos por Roteiros de Lalín está servindo para recuperar camiños tradicionais e para dar a coñecer as riquezas patrimoniais e naturais do municipio pero, ao mesmo tempo e como se demostra coa actual iniciativa, está servindo como elemento para a atracción de visitantes e, polo tanto, como factor dinamizador socioeconómico do noso municipio.