Ames, 29 de novembro do 2021 – O pleno de Ames aprobou todos os asuntos que se debatían entre os que destacan o Código ético e de boas prácticas, o expediente de licitación do servizo de limpeza ou unha moción do Partido Popular sobre a cuota láctea.
A proposta da aprobación do Código ético e do Bo Goberno do Concello de Ames foi defendida pola concelleira de Transparencia, Vanessa Vidal, que explicou que que “este código, parte do Programa de Goberno 2019 – 2023, e foi proposto dende a Concellaría de Transparencia”.
O Código interpela aos políticos, ao persoal eventual, ás entidades vinculadas e con relacións con Concello e aos directores cos que no futuro contarase no Concello de Ames. O representante de Ciudadanos anunciou o seu voto a favor manifestando que “defendemos que a actividade pública estea rexida polos principios de transparencia e participación e poida ser fiscalizada pola cidadanía”. Tamén Quique Costas, de Ames Novo, anunciou o seu voto favorable “malia non ser fan dos códigos éticos porque pouco aportan as normas que xa veñen dadas pola lexislación existente con leis cuxo incumprimento ten consecuencias”. Pola súa banda, o Partido Popular fundamentou a súa abstención no feito de que que non se lle recollese unha das cinco emendas que presentaron ao documento, concretamente a referida á “priorización do uso de software libre e impulso dese formato”, incluída no texto e coa que o seu grupo non estaba conforme.
Adxudicación do Servizo de Limpeza
Un punto de fricción entre goberno e oposición deuse na proposta de adxudicación do Servizo de Limpeza Integral nas instalacións municipais e nos Centros Educativos do Concello de Ames. A proposta foi argumentada pola concelleira de Economía e Facenda, Gemma Otero, que explicou que “O presuposto total da base de licitación para tres anos é de 1.958.214 €, dividida en tres lotes: o primeiro para o Servizo de Limpeza nos Centros de Educación Infantil e Primaria e nas Escolas Unitarias por valor de 1.042.050 euros; o segundo para ao servizo de Limpeza das Escolas Infantís ao que se lle adxudicarían 298.205 euros; o terceiro abrangue o Servizo de Limpeza das instalacións de uso municipal 617.959 euros”.
Na quenda de intervencións, o PP pediu que a aprobación da proposta se aprazase até que elaborasen uns novos pregos “que emendasen erros e recollesen especificamente en cada un dos lotes que o servizo de limpeza debería facerse diariamente” , ao que a concelleira de Economía respondeu que “no prego de prescricións técnicas que rexen a contratación xa se recolle, no apartado 7, as frecuencias e horarios dos servizos para os tres lotes e que especificamente ben como frecuencia diaria para os tres lotes a limpeza de aseos e vestiarios con concreción das tarefas a realizar diariamente”. A proposta saíu adiante cos votos en contra do Partido Popular.
Moción a prol da defensa do sector lácteo
Como último punto da orde do día debateuse unha moción presentada polo grupo do Partido Popular en defensa do sector lácteo. A moción pedía ao Goberno de Ames que instase ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, “a adopción de medidas que, na Lei da Cadea alimentaria, actualmente en tramitación, garantan, entre outras cuestións, “que todos os elos da cadea de valor láctea cobren polo seu produto un prezo que cubra, alo menos, os seus custos de produción” e á Xunta de Galicia que adoptase medidas para a promoción dos produtos lácteos galegos. Nas quendas de resposta, o concelleiro de Ciudadanos, Xosé Ramón Oulego lembrou que “o sector lácteo representa un 1,7 do PIB galego, Quique Costas de Ames Novo matizou que “o prezo do leite subiu pero nin un só céntimo repercutiu en que o produce”. Vanessa Vidal de Podemos Ames pediu que a “iniciativa se estendese a outros sectores” e Manuel Lens, do PSOE botou de menos unha referencia ao apoio as cooperativas. A moción aprobouse por unanimidade.
Outros temas
O pleno municipal de novembro aprobou tamén a adhesión ao convenio da Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT) e á Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) en materia de intercambio de información tributaria e colaboración recadadora coas entidades locais. Trátase dun convenio que a Axencia e a Federación actualizaron este ano polo que Ames, adherido desde o 2003 ao anterior, tiña que sumarse de novo.
Aprobouse así mesmo a constitución do Consello Sectorial das Persoas Maiores do Concello de Ames. Unha proposta encadrada no regulamento de participación cidadá que fora orixinalmente aprobado no pleno de febreiro de 2019 e que supón a cuarta proposta de Consello Sectorial que se debate este ano, despois de que se aprobaran os Consellos de Educación e Cultura en febreiro e Nenos e Nenas, a finais de setembro. De xeito inicial aprobouse ademais o regulamento de funcionamento do Consello sectorial de Educación despois de estar exposto publicamente.