Bisbarra, 17 de xaneiro do 2023 – O Tribunal Administrativo de Contratación Pública suspendeu o proceso de licitación do SAF no concello do Pino.
A resolución do Tribunal ten data de 12 de xaneiro e obriga á paralización do proceso de contratación do SAF. Esta paralización terá que ser ratificada en pleno nunha sesión que se celebrará este mércores día 18.
O recurso foi presentado pola Asociación Galega de Empresas de Axuda no Fogar (AGESAF). Esta asociación considera que “os pregos/bases de contratación do SAF non garanten os custes nin as normas salariais. Non responden ao prezo do mercado nin inclúen os custes salariais derivados do Convenio Colectivo de aplicación, nin as normas laborais de obrigada observancia”.
Criticas socialistas
O PSdeG do Pino, a través do seu voceiro Óscar Vilar, mantivo unha postura crítica ante magnitudes económicas estipuladas no contrato, dubidando que as cantidades garantisen os dereitos laborais das traballadoras.
No pleno do pasado 13 de decembro, cando se aprobou a licitación cos votos favorables do PP e do BNG, o grupo socialista advertiu de esta circunstancia e explica que “O que nós dixemos no Pleno o está a dicir agora a entidade AGESAF, por algo será”.