Bisbarra, 1 de marzo do 2023 – O Psoe do Pino asegura que “alguén intenta enganar aos veciños” no caso da desaparecida para de bus en Castrofeito que levan reclamando catro anos.
Como contamos hai un mes, a construción da autovía a Lugo deixou á veciñanza de Castrofeito sen parada de bus e, o que é peor, sen conexión con Santiago. Pese a que todas as partes están de acordo en repoñela, e incluso Monbus a repoñer o percorrido antigo, o certo é que a parada segue sen instalarse.
O Psoe do Pino contradice á veciñanza, que na última demanda afirmaba que era Demarcación de carreteras, dependente do Goberno Central, quen impedía a súa reposición. Os socialistas din que “isto é totalmente falso” xa que tras contactar con ese organismo puideron comprobar que “a día de hoxe non existe ningunha petición nin por parte de Mobilidade (Xunta de Galicia), nin por parte do Concello de O Pino, para fixar a nova localización da parada nos marxes da N-634”.
Así mesmo indican que “no ano 2019 foi Demarcación de carreteras a que solicitou, en varias ocasións, a Mobilidade da Xunta, posibles localizacións da parada suprimida, sen que este organismo tivera nunca unha proposta firme, escusándose sempre a Consellería de Mobilidade na negociación que tiña que levar a cabo coas concesionarias das liñas afectadas, Lugo-Santiago e Burela-Santiago”.
Por último, o Grupo Socialista do Pino, solicita que “non se engane á veciñanza só co afán de confrontar, que tanto a administración local como a autonómica solucionen o problema, e que deixen dunha vez por todas de escorrer o vulto”.