O Pino, 30 de xuño do 2022 – A intención do grupo socialista de que se regulen dalgún xeito as vivendas de uso turístico topou coa inacción do equipo de goberno que prefire esperar a que outros concellos presenten unha normativa.
O alcalde, Manuel Taboada, recoñeceu a problemática e mesmo que aínda que se pida permiso para o uso durante un ou dous meses o período acaba sendo moito máis longo. Dixo estar disposto a aplicar calquera normativa aprobada en outro concello pero asegurou que ata que exista non hai moito que facer.
A secretaría do concello aclarou que a única forma de regular estas vivendas é mediante unha lei (de ámbito estatal ou autonómico) ou dunha ordenanza municipal. O voceiro socialista lembrou que con ou sen normativa o uso turístico dunha vivenda, como negocio, precisa dunha licencia de actividade como recoñecen as sentenzas xudiciais. Engadiu que supoñen unha competencia desleal para pensións e albergues e instou ao concello a que explore esa vía como esta a facer, por exemplo, o concello de Santiago.
Axudas á gandería de carne
Si se dou o consenso nunha moción que solicita da Xunta que poña en marcha axudas directas aos subsectores gandeiros de carne, que sexan complementarias e por unha contía equivalente á que as explotacións galegas van percibir en concepto de axuda excepcional a través do Real Decreto 428/2022.
A proposta saíu adiante por unanimidade ao aceptar o grupo socialista unha emenda do equipo de goberno popular.
Praia da Tarroeira
Na rehabilitación da praia fluvial da Tarroeira houbo tamén algo de consenso. Dende o grupo socialista, Noris Núñez, propuxo a rehabilitación da zona e do local que no seu día exercía de cantina, que quedou abandonado hai anos.
O alcalde compartiu a análise da concelleira, explicando que a zona da praia, incluído o parque infantil, xa se está acondicionando. Respecto do antiga cantina dixo que se rehabilitará cando haxa alguén disposto a explotala e facerse cargo dela.
Transición enerxética
O último punto da orde do día fixo referencia á proposta do grupo socialista para fomentar a transición enerxética no municipio instalando un posto autónomo de reparación e mantemento de bicicletas e colocar puntos de recarga para vehículos eléctricos.
O alcalde, Manuel Taboada, recoñeceu que o Concello ía con retraso nese aspecto, posto que o centro de reparación de bicicletas debía abrir a principios de xuño, pero vai con certo retraso. Polo que respecta as unidades de carga de vehículos eléctricos están pendentes de instalación e explotación por unha empresa que se amosou interesada en poñelos en marcha. Non obstante o equipo de goberno comprometeuse a seguir adiante neste aspecto e estudar casos de municipios máis adiantados, polo que a proposta foi finalmente retirada polo PSdeG.