Bisbarra, 3 de outubro do 2022 – O grupo socialista leva ao Parlamento unha petición para que a Xunta de Galicia inicie a construción da depuradora do Pino, prevista desde hai catro anos.
![](https://lindeiros.net/wp-content/uploads/2022/10/psoe-depuradora-o-pino-normal-3-outubro-2022_r.jpg)
A parlamentaria socialista Noa Díaz presentou unha iniciativa o desbloqueo do proxecto de construción dunha Estación Depuradora de Augas Residuais, Edar, en O Pino. Trátase dun acordo asinado en 2018 pero adiado dende entón pola Xunta.
Díaz lembra que a actuación prevista “debera ser unha obra prioritaria para o Goberno galego” por canto o concello de O Pino “non conta con ningunha instalación de depuración de augas residuais, co prexuízo que supón para a súa poboación e para a súa contorna natural”. Puntualiza que “non se explica tanta dilación nun proxecto comprometido oficialmente hai catro anos”.
Critica a “ineficacia” amosada polo Executivo autonómico “nunha infraestrutura imprescindible para un concello situado no Camiño de Santiago, que atende cada ano a milleiros de visitantes, que hai que lle sumar á súa poboación natural”. Advirte que o adiamento “non parece ter unha explicación razoable que non sexa a de agardar polo financiamento extraordinario con fondos europeos consecuencia da crise da covid – 19.
A parlamentaria socialista explica que a obra da depuradora, que “nun principio ía ser sufragada por Augas de Galicia”, neste momento “vai ser financiada na súa totalidade no marco do Eixo REACT – UE do Programa Operativo Feder Galicia 2014 – 2020.