Bisbarra, 23 de maio do 2023 – O concello do Pino adxudicou o Servizo de Axuda no Fogar, SAF, cos únicos votos a favor do equipo de goberno e a abstención da oposición.
O SAF foi adxudicado por 488.812,21 euros para as 21.898 horas anuais de servizo. A empresa adxudicataria foi O Espertar, con sede en Boimorto; a mesma que o presta na actualidade.
Os 6 concelleiros do Partido Popular votaron a favor da proposta da mesa de contratación mentres que os 3 do Psoe e o do BNG abstivéronse. No debate, o alcalde resaltou que a este concurso por procedemento aberto se presentaran 13 empresas, das que 2 quedaron excluídas ao non superar a puntuación mínima establecida nas bases. Un feito que, para Taboada, “demostra que os prezos que ofertamos non eran tan baixos, senón non habería tantas empresas interesadas en asumilo, e fixo mención ás melloras que propón a empresa adxudicataria. Así mesmo, recordou que no Concello non hai queixas nin dos usuarios nin das traballadoras, polo que entende que o servizo que se está prestando é de calidade.
Precarización do servizo
O Psoe argumentou a súa abstención na necesidade de prestar o servizo pero mostrou as súas dúbidas sobre o prego de condicións e as condicións do contrato con respecto aos traballadores.
Os socialistas eran partidarios da municipalización do servizo. De todas as traballadoras a coordinadora é a única con xornada completa e do resto hai algún caso no que non fai máis de cinco horas semanais polo que a subrogación só afectara á encargada. Estas condicións levaron ás traballadoras a sindicarse e en pouco tempo terán eleccións.
O Psoe explicou ademais que as diferenzas entre as empresas non eran demasiado grandes pero os criterios subxectivos poñían á adxudicataria por diante das demais. Os socialistas querían que a técnica que decidiu eses criterios os explicara no pleno pero limitouse a enviar un informe no que non quedan claras as razóns para esa diferencia de puntos.