Barcelona, 31 de xaneiro do 2019 – O Centro Galego de Barcelona é o responsable dunha iniciativa aprobada polo Parlamento Catalán para reforzar o Camiño de Santiago en esa comunidade.
A comisión de cultura aprobou por unanimidade unha proposta de resolución que insta á Generalitat a facer as xestións necesarias para reforzar o Camiño de Santiago en Cataluña. Con esta resolución, o Parlament pide ao Goberno da Generalitat que tramite coas institucións públicas e privadas que xestionan o Camiño en terras catalás as accións
oportunas para darlle a este máis visibilidade, reforzar as conexións do Camí de Sant Jaume coas rutas principais do Camiño de Santiago e sinalizar as diversas rutas do mesmo que cruzan Barcelona ou parten desa cidade e chegan ao Mosteiro de Montserrat.
A iniciativa fora solicitada polo presidente do Centro Galego de Barcelona, Carlos Mandianes, aos grupos parlamentarios, dentro do obxectivo da entidade de promover o Camiño de Santiago de cara ao Xacobeo 2021, para cuxa promoción está a xestionar a organización de actividades culturais e musicais.
Primeiro gran itinerario europeo
O grupo parlamentario de Ciudadanos entende que a súa proposta de recuperar as principais ramas catalás do Camiño de Santiago responde á vontade expresada pola Generalitat de integrar a Cataluña nunha rede consolidada de grandes itinerarios culturais europeos. Nese sentido, salienta que o Camiño de Santiago é “o exemplo máis importante e representativo”, recoñecido como Primeiro gran Itinerario Europeo polo Instituto Europeo de Itinerarios Culturais, adscrito ao Consello de Europa. Ademais, varias das súas rutas (Camiño Francés e Camiños de Santiago do Norte da Península) están declaradas Patrimonio da Humanidade pola Unesco.
A resolución insta á Generalitat a presentar ao Parlamento, no prazo de seis meses, un informa coas xestións realizadas e os resultados acadados.
