Compostela, 27 de maio do 2019 – Íñigo Caínzos – Lindeiros – O Monbus Obradoiro cumprirá a vindeira tempada 8 anos na ACB, unha permanencia que chega despois de tirar partido do traballo feito na primeira parte da tempada.
O último partido na ACB disputouse en Sar ante o Barça Lassa. O Obradoiro caeu por un contundente 63 a 83 e remata así 34 duras xornadas de baloncesto nas que tivo de todo, vitorias, derrotas e unha afección, un ano máis, de dez.

Solidez defensiva e acerto en ataque
Os santiagueses saltaron á cancha co coitelo entre os dentes e as uñas afiadas para medirse ao campión de Copa, un reto de envergadura contra un equipo ao que só lle valía gañar para tratar de pechar a tempada regular en primeira posición. Durante os primeiros minutos o Monbus Obradoiro atacou moi ben e defendeu mellor.
Os obradoiristas neutralizaron todas as virtudes ofensivas do Barça nos primeiros compases, e distanciáronse no marcador a ritmo de triplos. Os cañoneros galegos acertaron e crearon un bo colchón, que esixiu unha moi boa versión dos cataláns.

O Barça crece e o Monbus Obradoiro apágase
O Monbus Obradoiro gobernou ata o descanso (36-35), pero na continuación o Barça fixo valer o seu potencial físico para ir sometendo aos poucos á escuadra galega. As torres barcelonistas fixeron dano co rebote ofensivo (11 capturas no aro local) e co paso dos minutos inspirouse Heurtel. Xogadores como Hanga estiveron en todas partes, Claver sumou desde a discreción e Oriola elevou a temperatura na pintura.
Os tocados non se borran e prestan o último servizo
Os xogadores do Monbus Obradoiro, conscientes da transcendencia do partido, baleiráronse sobre o parquet: Albert Sàbat estivo máis de 30 minutos en pista nos que anotou cinco triplos en seis intentos; David Navarro chegaba á cita entre algodóns pero quixo participar e Llovet, que tivo molestias no xeonllo no segundo cuarto, volveu para fajarse na pintura tras o descanso. Vasileiadis volveu poñer en pé a Sar e Brodziansky deleitou de novo cos seus recursos preto do aro e animouse desde o triplo.
A afección non fallou na cita final
Desde o minuto 1 ata o 40, Sar estivo sempre á beira do Monbus Obradoiro, e unha semana máis apoiou de forma incansable ao seu equipo. A afección, nunha mañá de transistores, gozou coa primeira parte do equipo na que competiu de ti a ti contra o coloso catalán, e gozou co final do partido cando se certificou a permanencia.

Oitava permanencia consecutiva
O Monbus Obradoiro volvía partir como un dos equipos con menor orzamento da competición, consciente de que o título volvía ser a permanencia. Houbo que percorrer 34 etapas con altibaixos para chegar á meta e saborear o premio por oitava tempada consecutiva. Un ano especial que empezou coa Supercopa Endesa e que terminou celebrando que, o ano que vén, por noveno ano seguido, Santiago de Compostela seguirá sendo capital do baloncesto. Sar manterá o seu status ACB. Por noveno ano consecutivo, o Monbus Obradoiro estará entre os mellores 18 equipos de baloncesto de España.
