Compostela, 14 de xaneiro do 2019 – O Monbus Obradoiro non conseguiu facerse coa vitoria no Fernando Martín de Fuenlabrada a pesar de non baixar nunca os brazos e remontar o marcador no último cuarto, e marchou para casa sen premio (84-83)..

Fuenlabrada impuxo o seu ritmo de xogo
Se hai algo que destacou Moncho Fernández na previa do partido foi en que o seu equipo debía “controlar o ritmo de ataque do rival e as súas individualidades”. E estaba no certo. Os do Che García impuxeron en Fuenlabrada o ritmo de xogo que mellor lles conviña e levando o partido a unha anotación alta na primeira parte do encontro, mentres que o Monbus Obradoiro non foi capaz de impoñer o seu.
A batalla do rebote
A pesar de que as estatísticas finais sinalan que os obradoiristas capturaron máis rebotes que os fuenlabreños (27 fronte aos seus 25), os galegos perderon a batalla do rebote na primeira metade do encontro, dando vantaxe ao seu rival.

Máxima vantaxe fuenlabreña ao descanso
O Monbus Obradoiro non quería descolgarse do partido a pesar de non controlar o seu ritmo, pero as perdas do final do segundo cuarto foron devoltas polo seu rival cun parcial de 5-0, que fixo que a vantaxe do electrónico fose de 9 puntos por baixo ao descanso (49-40).
A escapada de Montakit Fuenlabrada
Por parte do Montakit Fuenlabrada reapareceu na pista Popovic tras seis xornadas de baixa por lesión, e foi o protagonista de ampliar a distancia do electrónico tras anotar dous triplos e dous tiros libres. Parecía que nada podían facer os composteláns para frear o acerto dos fuenlabreños e a distancia aumentou ata os 12 puntos (70-58).

Remontada sen premio final
Pero se hai algo que caracteriza ao conxunto obradoirista é que nunca dan un partido por perdido e ninguén se rende. Vasileiadis, que non anotara na primeira metade, anotou no momento clave, xunto a Simons. Mentres, o Montakit Fuenlabrada xa non controlaba o ritmo de partido nin sentía cómodo, e vía como o seu rival achegábase perigosamente no marcador.

Conseguiu o Monbus Obradoiro poñerse por diante no electrónico a falta de 34 segundos grazas aos dous tiros libres de Nacho Llovet (82-83), pero respondeu Clark cunha bandexa iniciada desde a banda no seguinte ataque. Tentárono os obradoiristas no último ataque. Vasileiadis realizou unha porta atrás na que non consegue converter a canastra pero Brodziansky fíxose co rebote, tentou levantar a pelota e anotar pero o árbitro non considerou falta (84-83).
O Monbus Obradoiro regresou a Santiago de Compostela para preparar o próximo encontro na Caldeira do Sar o vindeiro domingo, recibindo ao Unicaja no último partido da primeira volta, incluído de agasallo no Abono de Segunda Volta ‘ Outra vaca non millo’.
