Compostela, 26 de febreiro do 2019 – Carpe Diem, o novo espectáculo da compañía galega Producións Teatráis Excéntricas, estréase este mércores 27 no Teatro Principal de Santiago, onde poderá verse ata o venres 1 de marzo.
Carpe Diem é unhas das 10 montaxes que se presentan este semestre diante do público compostelán a través do circuíto de redes e teatros da Xunta de Galicia, cofinanciado entre a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e as entidades xestoras dos 40 espazos asociados. No caso de Carpe Diem, trátase da estrea dunha das 30 propostas beneficiarias en 2018 da convocatoria de axudas da Agadic á produción escénica, mediante a que a Consellería de Cultura e Turismo contribuíu a esta posta en escena cuns 36.600 euros.
Primeira adaptación de Rubem Fonseca en Galicia
En Carpe Diem, Producións Teatráis Excéntricas leva ás táboas, por primeira vez en Galicia, unha obra do autor e cineasta brasileiro Rubem Fonseca, considerado o meirande escritor vivo en lingua portuguesa. Premio Camões, Fonseca estendeu o seu talento sobre o xénero policial que, a pesar de ser considerado literatura de consumo, no seu caso brilla á hora de ofrecer unha visión distante e sen piedade da condición humana.
A adaptación deste relato combina o cinismo, a intriga e o ritmo característicos do seu autor nunha historia que arranca a modo de anécdota cinematográfica: unha muller e un home coñécense nunha previsible festa de fin de ano e comezan unha relación adúltera.
Na presentación estiveron presentes Jacobo Sutil, director da Agadic, a tenente de alcalde de Santiago, María Rozas, o director Quico Cadaval e parte do equipo do espectáculo, que interpretan Víctor Mosqueira, María Costas, Marcos Vieitez e, a cargo da música en directo, Mon Orencio alias “Mr. Cool”.
As venda anticipada de entradas para as súas tres funcións en Compostela, todas elas programadas ás 20,30 h., está operativa no web www.compostelacultura.gal. A continuación, o espectáculo iniciará o seu percorrido polos escenarios galegos, dentro do que xa ten confirmadas representacións o 31 de marzo no Cine Elma da Pobra do Caramiñal, o 7 de abril no Teatro Principal de Ourense, o 3 de maio no Auditorio Municipal da Illa de Arousa e o 9 de xuño na Casa da Cultura Pintor Lloréns de Sada.