Rois, 17 de decembro do 2020 – O concello de Rois ven de presentar unha programación de Nadal no que a búsqueda dun boi será unha das citas estrelas.
Trátase do boi de pedra esculpido por Camilo Seira e colocado en cadansúa das dúas rutas de sendeirismo de Rois, a do Castro Lupario e a das Penicias. Os camiñantes que atopen algún deles e suban a Facebook unha foto ao seu carón etiquetando ao Concello de Rois, entrarán no sorteo dun dos bois que se efectuará o 4 de xaneiro.
Unha programación variada
O Concello de Rois desenvolverá este Nadal un amplo programa de actividades no que cativos e adultos poderán falar cos Reis Magos e tamén gozar de obradoiros virtuais, xadrez, música, a lectura ou andainas.
Ao non estar permitidas as reunións, este ano non poderán facerse os encontros con Papá Noel, o Apalpador e os Reis Magos. Pero iso non significa que non cheguen. De feito, comprometéronse a contestar todas as cartas que nenos e nenas descarguen na web www.concelloderois.org e envíen cubertas cos seus desexos ao enderezo cultura@rois.es.
Os Magos de Oriente chamarán nas vésperas de Reis a toda a cativada que concerte unha cita coas Súas Maxestades chamando ao 981 816 061. As crianzas censadas en Rois e nadas entre os anos 2009 e 2020 recibirán así mesmo un agasallo na súa casa.
Celadores e alcaldes de barrio actuarán como paxes e lles entregarán tamén a todas as familias a felicitación de Nadal, a revista Debullar con toda a información da actividade municipal ao longo do presente ano e o almanaque de Rois para o vindeiro 2021.
Premios e concerto
As vacacións inaugúranse coa entrega de premios dos concursos de tarxetas e de contos de Nadal a vindeira semana, cando remata o cole. Na tarde do día de Noiteboa, o espírito do Nadal estenderase por todo o municipio co concerto da Escola de Música de Rois, que poderá verse a través da canle de Youtube do Concello a partir das 19:00 horas.
Toda a veciñanza está convidada a facer deporte nestas datas. Por un lado, participando no torneo de xadrez en liña que terá lugar os días 28, 29 e 30 de decembro de 11:00 a 12:00 horas e que outorgará trofeos ás tres primeiras persoas clasificadas, e por outro buscando o boi do que xa falamos.
O tempo para os contacontos, os obradoiros de manualidades ou as cancións chegará cos talleres de Nadal en liña que terán lugar na canle de Youtube do Concello de 12:00 a 13:00 horas e de luns a venres entre o 28 de decembro e o 5 de xaneiro.
Así mesmo, o Concello anima á mocidade a gozar da lectura compartindo na súa páxina web unha listaxe das publicacións recomendadas polas bibliotecas escolares e a municipal. Estes títulos, recorda, poden servir de inspiración no caso de ter que facer un agasallo de Nadal.
A programación para todos os públicos volve á canle de Youtube entre os días 28 e 30 de decembro, cando estará dispoñible na rede o espectáculo de pompas de xabón Os fabulosos cleaners que se representou no Auditorio o pasado 11 de decembro pero que axiña tivo que colgar o cartel de completo por causa das restricións de aforo.