Compostela, 31/05/2026 – O Museo do Pobo Galego inicia un proceso no que cambiará parte da estrutura do organismo buscando fortalecela. A renovación do Consello de Goberno serve de partida para adaptar a organización aos “retos actuais” segundo explican nun comunicado.
Tras non rexistrarse candidaturas na convocatoria electoral realizada conforme aos estatutos, a Asemblea acordou, por maioría, dar continuidade ao actual Consello de Goberno de maneira temporal, até finais de 2027, garantindo o funcionamento ordinario da institución e co obxectivo de impulsar unha serie de axustes organizativos.
Estas adaptacións, que afectarán tanto aos estatutos como ao Regulamento de Réxime Interno, permitirán adaptar o funcionamento do Padroado e do Museo a un contexto social e institucional en evolución, reforzando a súa capacidade de xestión e a súa proxección de futuro.

No marco deste proceso, a ata agora presidenta do Padroado, Concha Losada, comunicou a súa decisión de non continuar á fronte da institución nesta nova etapa, co obxectivo de favorecer a incorporación de novos perfís ao proxecto nun momento especialmente propicio.
Si seguirá vinculada ao Museo do Pobo Galego como membro do Padroado e como coordinadora do Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade (APOI), colaborando ademais no proceso de transición.
Paralelamente, o Museo do Pobo Galego ultima xa a preparación da conmemoración do seu 50 aniversario, un fito que marcará a actividade da institución nos vindeiros meses e que se concibe tamén como unha oportunidade para reforzar o seu papel como referente na conservación, estudo e difusión do patrimonio cultural galego ao servizo da sociedade.
