Compostela, 10 de decembro do 2018 – Un Monbus Obradoiro de récord rompe o maleficio na pista do Zaragoza por 78-86, unha cancha na que nunca conseguira gañar con anterioridade.
Acerto obradoirista
Saíu o Monbus Obradoiro enchufado. No primeiros dez minutos Vasileiadis e Singler foron os encargados de anotar todos os puntos obradoiristas. Kostas finalizou o primeiro cuarto xa con 4/5 en triplos e Kyle con nove puntos, dando unha renda de 9 puntos ao seu equipo.
Cando Kostas sentou tivo a substitución de Ben Simons. O xogador, xa recuperado da súa lesión, volve coller ritmo e anotou 4 dos seus 6 intentos desde 6,75.
Ante as baixas e lesións, todos os xogadores obradoiristas deron un paso adiante. Mentres Sàbat encargábase de ordenar o ataque e repartir asistencias (11 en total), Llovet pechaba o rebote (11 capturas) e Brodziansky movíase no terceiro tempo con soltura sobre a pintura (10 puntos).
Traballo defensivo
Loitou e non perdeu a paciencia o Monbus Obradoiro na defensa. A vitoria fundamentouse en varios aspectos e un deles foi o gran traballo defensivo. Os de Moncho Fernández souberon frear o habitual ritmo de xogo do Tecnyconta Zaragoza e respondeu moi ben no 1×1.
Melloría no rebote
Falaba Moncho Fernández na previa do partido de que o rebote sería un aspecto fundamental para facerse co encontro e os seus xogadores saltaron á pista moi concienciados. Así, os composteláns melloraron neste aspecto con respecto aos últimos partidos e fixéronse, en total, con 39 capturas.
Kostas Vasileiadis, de récord
O xogador grego mostrou a súa mellor versión en Zaragoza con 33 puntos anotados grazas a un 10/18 en triplos e 3/3 desde a liña de tiros libres. Así, Vasileiadis superou o récord de triplos dun xogador do Monbus Obradoiro nun partido da liga Endesa, que estaba en oito, e anotou nin máis nin menos que dez.
E isto non é todo. O beirado obradoirista igualou a terceira mellor marca histórica de triplos dun xogador nun encontro da liga Endesa. O máximo foi de 12 en man de Jacob Pullen, e 11 de Óscar Schimdt. Foi o sexto home que alcanza a decena con Popovic, Mason, Dean, Simpson e Sibilio.
As 100 vitorias de Moncho Fernández
Con esta vitoria do conxunto obradoirista na cancha de Tecnyconta Zaragoza, Moncho Fernández conseguiu a cifra redonda de 100 vitorias en Liga Endesa. O técnico compostelán asina así un balance de 100 vitorias por 160 derrotas nos seus 260 partidos como primeiro adestrador na competición.
O Monbus Obradoiro prepara xa a próxima xornada, na Caldeira do Sar ante a súa afección, o vindeiro sábado, ás 20:30 horas, recibindo ao Movistar Estudantes no Partido do Xoguete. Aqueles afeccionados obradoiristas que entreguen en oficinas un xoguete novo poderán comprar ata catro entradas, en Tribuna 2, a 12€ cada unha, para ese partido (ata esgotar localidades dispoñibles para a venda).