Compostela, 4 de febreiro do 2019 – Íñigo Caínzos / Lindeiros – O Monbus Obradoiro fundeu ao UCAM Murcia na Caldeira, 91-79, e desquitouse do 80-58 recibido en novembro.
O Obradoiro sumou ante o Murcia a oitava vitoria da tempada nun partido complicado polo acerto dos visitantes desde a liña de tres. Os de Moncho Fernández xogaron como equipo, o mellor que saben facer, e contaron co apoio da afección desde o primeiro instante.
Vitoria nun partido esixente
O partido foi moi esixente tanto no apartado físico como no mental. O
Monbus Obradoiro levou a voz cantante desde os primeiros compases. Despois dun cuarto inicial no que se sucederon as alternativas no marcador, os santiagueses conseguiron a primeira escapada ao comezo do segundo cuarto (30-20).

Os murcianos, no primeiro partido de Sito Alonso no banco, remaron contracorrente e foron capaces de neutralizar todas as vantaxes da escuadra local. Cada vez que o UCAM empatou o partido, os homes de Moncho Fernández fixeron borrón e conta nova. O último arreón, xa no último cuarto, foi definitivo. Co 65-64 Navarro botouse o equipo ás costas e sentenciou ao elenco murciano.
O Monbus Obradoiro resiste á intensidade murciana
Dous rivais históricos, a estrea de Sito Alonso… e a elevada intensidade dos xogadores murcianos fixeron saltar faíscas sobre o parquet. O Monbus Obradoiro soubo manter a cabeza fría, responder con baloncesto na zona murciana e igualar o nivel de intensidade na retagarda. Por momentos, o combinado de Moncho Fernández neutralizou aos murcianos, que se apoiaron nunha gran primeira metade de Booker e no acerto exterior para non capitular ata os minutos finais.
Choiva de triplos
Por momentos, a contenda foi un vendaval de triplos, con moito acerto por parte de ambos os contendentes. O Monbus Obradoiro cargou moito o xogo de tres nos primeiros minutos (catro triplos para empezar o partido), antes de empezar a buscar solucións interiores. Albert Sàbat estivo espléndido desde a longa distancia (17 puntos, 5/6 en tiros de tres, 21 de valoración) e Vasileiadis volveu ser unha ameaza desde o perímetro. O triplo desde a esquina co que pechou a primeira metade, fixo tolear á afección (18 puntos, 17 de valoración).

Os murcianos acertaron ata en 15 ocasións desde máis aló do 6,75, cunha porcentaxe elevadísimo (48%). Sadiel Vermellas e Rudez desde as esquinas, Kloof e Mylton Doyle castigaron ao Monbus Obradoiro a ritmo de triplos.
Un triunfo de equipo
Máis aló do lume exterior, o Monbus Obradoiro volveu demostrar a importancia do equipo (108 de valoración). Os homes de Moncho Fernández seguen crecendo co paso das semanas, e a pesar dos problemas de lesións de xogadores importantes como Obst e De Zeeuw, os seus compañeiros non se borraron.

De novo emocionou Llovet (14 puntos, 20 de valoración), renderon a un nivel espléndido Spires e Hlinason nos intres nos que estiveron en cancha, e actores como David Navarro apareceron nos momentos de máis dúbidas do Monbus Obradoiro (oito puntos no último cuarto). O control das perdas de balón era un aspecto crave para os obradoiristas, e superárono con fartura, terminando o partido con tan só 5 perdas.
O factor Caldeira volve ser clave
A afección era consciente da importancia do partido, e apertou e animou desde o minuto uno. Os seguidores locais elevaron a temperatura e converteron Sar nun inferno, e foron importantes para levantar aos obradoiristas nos momentos de zozobra.

O Monbus Obradoiro segue crecendo e facéndose fortes en casa, con tres vitorias consecutivas no Fontes do Sar. Con oito vitorias na mochila, o Monbus Obradoiro viaxará a Valencia a próxima
semana (sábado, 18:00 horas). Despois, haberá dúas semanas de parón, antes de volver xogar en casa, no derbi galego contra o Cafés Candeas Breogán (sábado 2, 18:00 horas).