Ames, 30 de outubro do 2020 – Os votos emitidos polos vendedores ambulantes de Ames decidiron que o emprazamento do mercado de rúa de Bertamiráns será na contorna do concello.
As rúas Entrerríos e Ameneiral, ampliadas á praza do Concello, foi a opción máis votada co 77% dos votos emitidos. A previsión que ten a Concellaría de Promoción Económica é que o mercado se realice no novo emprazamento dende o vindeiro sábado, 7 de novembro, sempre que se cumpran as normas hixiénico sanitarias actuais marcadas pola autoridade competente.
3 combinacións de mercado
Os vendedores do mercado de rúa do sábado pola tarde optaron entre 3 combinacións distintas para os seus postos. A primeira realizar o mercado coa modalidade do 50% dos postos un sábado e o outro 50% o sábado seguinte e así sucesivamente, nas rúas Ameneiral e Entrerríos. A segunda opción foi a ampliación da zona do mercado de venda ambulante á praza do Concello, rúa Entrerríos e rúa Ameneiral, e poñer a totalidade dos postos. A terceira e última opción contemplaba repartir ao 50% os postos en quendas de mañá e tarde, nas rúas Ameneiral e Entrerríos. Unha vez rematado o prazo de votación a segunda opción foi a gañadora.
A primeira posibilidade recibiu un 18,20% dos votos, mentres que o 4,50% dos votos emitidos non se puideron ter en conta ao ser emitidos por ningunha das canles establecidas (Sede electrónica ou depositar o documento de votación nunha urna habilitada na Casa do Concello).
Mercado na rúa do Sar
Dende o mes de xuño e por mor das medidas de prevención para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo Covid-19, o mercado de rúa de Bertamiráns situouse temporalmente na rúa de Sar, un emprazamento con dous carrís, sen construcións aos lados, que permitiu o desenvolvemento correcto da actividade tal e como obrigan as normas sanitarias e dita o regulamento da Xunta de Galicia do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo Covid-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade.
A decisión deste cambio respondía á necesidade de cumprimento dunha serie de normas hixiénico sanitarias derivadas da loita contra a pandemia e tomouse de xeito consensuado coas asociacións de comerciantes e de ambulantes máis representativas e co obxectivo de que puidesen estar no mercado o cen por cen dos postos.
Coa chegada do inverno o comercio ambulante precisa, para o desenvolvemento óptimo da súa actividade, localizacións que o protexan das inclemencias do tempo e a rúa do Sar no cumpre os requisitos de gorecer o mercado do vento e a chuvia que caracterizan esta estación.
