A Pobra, 7 de xullo do 2021 – A Pobra do Caramiñal acollerá o vindeiro día 11 o mercado de artesanía local xuvenil no Cantón da Leña.
O mercado de artesanía celebrarase de 10.00 a 13.30 e de 16.00 a 20.00 horas. A mencionada proposta nace da man dun grupo de mozas e mozos do municipio e conta coa colaboración do Concello, a través da Área da Mocidade.
O obxectivo da iniciativa é, ademais de contribuír á posta en valor do talento da xente nova da localidade, apoiar e buscar novas saídas aos proxectos xuvenís existentes na zona, así como darlles saída ás creacións das persoas que decidan participar.
Todas aquelas mozas e mozos que desexen sumarse aínda están a tempo ata o día 8 de xullo para se anotaren a través do enderezo electrónico mocidade@apobra.gal.