O pleno municipal aprobou solicitar unha subvención nominativa de 2 millóns de euros para sufragar a construción do mercado municipal de abastos
Ames, 16/07/2026 – Un pleno urxente e extraordinario dou un paso máis para que Ames teña un mercado de abastos propio. O proxecto aprobouse cos únicos votos favorables de PSdeG e PP, e estes últimos mostrando dúbidas sobre a xestión. BNG e Espazo Común abstivéronse.

O pleno aprobou realizar unha solicitude dunha subvención nominativa, a través dun convenio de colaboración entre a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, a Deputación Provincial da Coruña e o Concello de Ames, para a construción do mercado municipal de abastos.
O proxecto de mercado de abastos enmárcase dentro do plan Conecta Ames, incluído dentro da convocatoria para a asignación de senda financeira do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional aos plans EDIL, no marco do desenvolvemento urbano sostible, con cargo ao FEDER para o período 2021-2027.
A axuda terá un importe de 2 millóns de euros e o importe total ascende a 3.293.003,90 euros (IVE incluído). O acordo recolle a distribución do financiamento en tres anualidades; en 2026, 600.000 euros; en 2027, 1.200.000 euros; e en 2028, 1.493.003,90 euros. A Consellaría aportaría 1 millón de euros, a Deputación outro millón de euros, e ao Concello correspóndenlle 1.293.003,90 euros”.
Premendo nesta ligazón podes ver a gravación do pleno.
Posicionamentos
A voceira de Espazo Común, Luísa Feijóo, destacou que “o mercado municipal está concibido como a peza fundamental dunha estratexia alimentaria integral de km 0, complementada cun banco de terras para a produción ecolóxica, a integración co entorno e accións de apoio aos produtores locais. Sobre o papel é un proxecto moi atractivo, pero non naceu froito do consenso político”.
Feijóo engadiu que “é certo que son proxectos que estaban recollidos na Axenda Urbana e que esta contou cun proceso participativo, pero este non é un proxecto da Corporación, é un proxecto do goberno socialista. Este proxecto xéranos moitas dúbidas porque carece dun plan de viabilidade, polo que imos a absternos”.
O concelleiro do BNG, Alexandre Espinosa, comezou dicindo que “este asunto abórdase en pleno de xeito urxente, sen dispor de tempo suficiente para un estudo rigoroso da documentación. O que si se fixo con tempo foi a promoción publicitaria, o 2 de marzo de 2023 xa se fixo a presentación do anteproxecto”.
Espinosa engadiu que “sobre o financiamento da achega municipal e sobre o impacto deste investimento, desde o BNG de Ames temos importantes dúbidas sobre a viabilidade económica do proxecto e o impacto que terá nas contas municipais. A documentación non explica con suficiente detalle como está previsto que o Concello financie a súa achega ao investimento”.¡
A voceira do Partido Popular, Oliva Agra, explicou que “nós compartimos a idea de dotar ao concello dunha infraestrutura que impulse o comercio local e os produtos de proximidade. Cremos que é un proxecto positivo para Ames, pero que un investimento desta envergadura merece unha maior explicación e planificación”.
Agra tamén dixo que o apoiarían pero mostrou dúbidas sobre o seu desenvolvemento “consideramos que antes de asumir compromisos desta magnitude debería de existir unha información máis completa. Por responsabilidade imos a votar a favor dun proxecto que vai a ser beneficioso para os veciños e veciñas de Ames, e que ademais busca captar dous millóns de euros doutras administracións. Esperamos que este proxecto non se converta nun novo centro multifuncional e que acumule múltiples sobrecustes e atrasos”. Pechou o debate o alcalde, Blas García, que destacou “este proxecto forma parte do plan europeo EDIL, a través do cal se nos concederon 11 millóns de euros, dos cales o Concello ten que poñer o 40%, algo máis de 4 millóns de euros, e deste importe estamos aforrando 2 millóns con esta subvención nominativa, polo que o Concello terá que achegar 2 millóns de euros. Eu penso que é unha xestión bastante boa, aínda que para vostedes todo é negativo e todo está mal feito”.
