Cada fin de semana repasamos o máis lido en Lindeiros nos cinco primeiros días da semana. Aquí tes as novas que máis interesaron do 21 ao 25 de xullo.

Son moitos os concellos que demandan melloras nas infraestruturas sanitarias, xa sexa na parte arquitectónica dos edificios ou na de persoal e servizos. Negreira leva tempo pedindo de todo, o centro de saúde ten serios problemas de mantemento pero precisa ademais de persoal e espazo para atender á veciñanza.
Precisamente co alcalde de Negreira, Manuel Ángel Leis, falamos no segundo “Luns de conversa” , que rematará a tempada coa alcaldesa de Santiago o vindeiro luns. Foi unha das entrevistas máis lida e veremos se os alcaldes e alcaldesas que irán pasando teñen o mesmo seguimento.
Todo o que sexan melloras para o Servizo de Axuda no Fogar, SAF, son ben recibidas e o da Baña o que recibiu da Deputación foi un novo vehículo que axudará a coidar dos usuarios e poder atendelos máis rápido cando sexa preciso.
E o apartado cultural sempre ten boa acollida. Esta semana por un lado estivo o programa de Arzúa Viva e por outro un clásico de estas datas do máis vistoso, a Inchadiña Branca Vela que hoxe sábado levara a ducias de embarcacións a remontar o Ulla para homenaxear a Rosalía.
