O mago Vituco segue conservando o brillo da curiosidade nos ollos, desde pequeno os seus pasos estaban encamiñados aos escenarios e a maxia colouse entre outras posibilidades “nos festivais do colexio sempre actuaba, tocando a guitarra, presentándoos, ata que un día a maxia apareceuse como por casualidade e sigo nese mundo aprendendo“.
Galicia ten unha gran tradición de magos e a época da que sae Vituco ten moito mérito xa que a información era moito máis difícil de conseguir que agora “antes non había internet e buscar información era moitísimo máis difícil, cando chegaba un libro ás miñas mans conservábalo ata que o gastabas de tanto miralo para arriba, abaixo, de lado…“; pero se hai un lugar polo que os magos de Compostela pasaron e que foi unha verdadeira escola é o Dado Dada, un pub mítico no que a xenerosidade dos seus donos, Carmen Eixo e o tristemente falecido Carlos Asorey, serviu para apadriñar a toda unha xeración “lembro as reunións con outros magos, como non no Dado Dada, que foi un pouco o lugar onde nacemos e de onde saímos os magos de Compostela e moitos de Galicia; eran reunións moi gratificantes que se lembran con orgullo“.
No Dado Dadá o papel de Carlos Asorey foi fundamental e serviu para unir aos que aínda eran tan só afeccionados e non profesionais “Carlos aínda que non era profesional da maxia era un profesional de igual modo, foi o punto de unión dos magos. De nós, que eramos afeccionados, cos profesionais de verdade que viñan ao seu local. Carlos foi o nexo de unión por medio da súa casa o Dado Dada, da que nos abriu portas“.
Como sucede en moitas ocasións a familia non pensaba que isto acabara sendo a súa profesión e esperaban un cambio “a miña familia non dicía nada e pensaban que se me pasaría, cando viron que era algo máis serio sempre me apoiaron e iso é o máis importante para seguir adiante“.
Vituco non lembra a súa primeira actuación profesional, o salto foi case sen darse conta no medio dos primeiros festivais que se organizaron en Galicia “o que máis recordo son os primeiros festivais de maxia, organizados polo Mago Antón que foi o pioneiro da maxia en Galicia e en certo xeito o que nos lanzou a todos sendo o noso mecenas e o noso mestre; estabas afeito ir a eses festivais como pagador, comprando a entrada para ver aos profesionais, e de súpeto pasas a ser un deles, é unha sensación rara que che poñan hotel e trátenie ben; eses primeiros momentos son moi gratificantes“.
Hai magos capaces de crear trucos por se mesmos e os que adaptan e desenvolven eses trucos aos seus espectáculos, Vituco tenta sacarlle todo o mollo ao que chega ás súas mans para diferenciarse “non teño trucos propio pero si tento darlle un toque persoal a todo o que fago, adapto todo o que compro por que tamén hai un mercado máxico de aparellos e cousas polo estilo, trátase de que poidan dicir que ben o fas e non que sexa faino igual que o outro“. Defende o traballo feito en Galicia en cuestión de festivais e asegura que en España non hai eventos como os que aquí se fan “hai unha boa acollida entre o público, festivais como o Compostela Máxica, cunha semana de duración e galas internacionais, nacionais e galegas, non se atopan facilmente e en España non haberá máis dun ou dous que se lle acheguen polo que debemos de estar orgullosos do traballo realizado” sobre as súas preferencias en canto a outros magos as dúas referencias son moi claras “Tamariz é o máis grande, o que se move polo mundo como unha referencia pero hai tamén outros moitos magos, sen ir máis lonxe o mago Antón é digno de admirar, de seguir e de ter a súa amizade; hai moitos e podería dicir unha lista moi longa aínda que poucos os coñecerían“. Vese dentro de 15 anos aprendendo e poñendo en práctica todo o que aprende e se lle preguntas por un lugar máxico de Santiago dirache que toda a zona vella é un bo lugar para desaparecer; é un dos mellores meigos de España pero non esquece as súas raíces e segue conservando o espírito curioso que o levou a converterse no Mago Vituco.