Compostela, 21 de xaneiro do 2025 – As listas electorais son un resultado de consensos e acordos que, non en poucas ocasións, rachan cando os resultados non son os esperados como está a suceder cos socialistas de Compostela.
Le e escoita “As voces do cisma socialista en Compostela“ se queres saber máis
Pasa en tódalas casas, as veces antes como vimos no PP de Dodro ou no BNG de Teo hai dous anos, pero na maioría dos casos estas fracturas aparecen por uns resultados que levan á oposición a quen estaba gobernando.

Xosé Sánchez Bugallo falaba para Lindeiros na campaña electoral e definía a lista como “orientada a gobernar”, algo que non se chegou a producir
Tres actores no socialismo de Compostela
A realidade é que os tres actores de está historia estaban en esa lista electoral. Non aparecen voces alleas cando os resultados non foron os esperados. Por un lado están os catro concelleiros que ían nos postos 2, Mercedes Rosón, 4, Mila Castro, 7, Gonzalo Muíños. E 8, Marta Álvarez.
Por outra o número 11, Aitor Bouza, elixido posteriormente como secretario local do partido socialista en Santiago e arredor do que xira todo o contado onte polo grupo de Muíños e que, segundo as fontes consultadas, sería concelleiro con que dimitira un dos que na actualidade teñen acta.
Bouza dicía catro meses despois de ser secretario da agrupación local socialista de Compostela que aínda non tivera tempo a introducir os cambios que os resultados das eleccións merecían, unha frase que agora entendemos mellor
Para rematar este triangulo tan complexo están os dous concelleiros que apoian ao partido desde o concello e que ían no número 5, Sindo Guinarte, e 6, Marta Abal. Estes concelleiros teñen, a día de hoxe, a chave para aprobar os orzamentos de Compostela e mesmo a posibilidade de que Aitor Bouza acceda a un acta de concelleiro. Onte, tras a “non reunión” sobre o voceiro do grupo municipal, reuníanse coa alcaldesa Goretti Sanmsrtín sen que polo momentos saibamos se o encontro tivo un resultado práctico.
Escenarios
Con estes tres actores os escenarios son varios e ningún deles sinxelo. Por unha banda están os expedientes abertos e os que poidan chegar e que, antes ou despois, poden levar aos catro concelleiros ao grupo mixto. Unha situación que reforza a liberdade para tomar as súas propias decisións pero que tamén os afasta máis do partido socialista en Compostela.
Por outra banda está a votación dos orzamentos. Os acordos que estes concelleiros asinaron co goberno municipal non están garantidos. Os votos dos dous concelleiros, Guinarte e Abal, poden inclinar a balanza nun sentido ou noutro e polo dito onte é unha decisión que aínda non tomaron.
Outro escenario aínda máis surrealista sería a dimisión de algún concelleiro que permitira a toma de posesión dun acta a Aitor Bouza. En este caso o enfrontamento pasaría da sede da agrupación ao concello.
Todo isto non é novo. Os riscos coñecíanse desde hai moito tempo e proba dilo é unhas declaracións de Gonzalo Muíños a Lindeiros pouco despois das eleccións, el mesmo fala de “distintas sensibilidades” dentro do partido.
A cuarta parede
No teatro ou no cine a cuarta parede é o público e as veces os actores interactúan con el. Ademais dos cidadáns está o goberno municipal que fai o papel de espectador pero ao que afecta de xeito directo o guión.
Non se trata só de aprobar os orzamentos está tamén a relación co partido. Hai bastantes temas que se dirimen en Madrid, onde confirmaron os expedientes abertos ao grupo municipal socialista. Goretti Sanmartín e o seu equipo vese obrigada a facer equilibrios se quere sacar adiante acordos. Sen ter nada que ver, o goberno municipal está sentado nunha partida na que terá que pensar moi ben que pode facer coas cartas que ten.
E agora?
Coñecemos os actores e os escenarios e tamén que o ritmo da acción acelerouse desde onte. Cada un puxo sobre a mesa o que ten e o que quere e agora comeza unha conta atrás ata que os orzamentos vaian a pleno. Sexa moito ou pouco en ese espazo poden pasar aínda moitas cousas así que o labirinto socialista en Compostela, polo momento, segue cheo de xogadores que non atoparon a saída.
Lista do PSdeG nas últimas eleccions municipais
Xosé Antonio Sánchez Bugallo
Mercedes Rosón Ferreiro
Xaquín Fernández Leiceaga
Mª Milagros Castro Sánchez
Gumersindo Guinarte Cabada
Marta Abal Rodríguez
Gonzalo Muíños Sánchez
Marta Álvarez Vázquez
Antonio Bermúdez Vaamonde. Independente.
Isabel Gómez Cambón. Independente
Aitor Bouza Manso
Begoña Rodríguez Rodríguez
Rafael Sexto Alende. Independente.
Ana Carricoba Engroba
Antonio Llovo Guillán
Pechando a lista:
María Sesar Vázquez
Joaquín Buergo del Río
Pilar Cancela Rodríguez