Compostela, 18 de xaneiro do 2024 – O vindeiro venres dia 26 a sala Malatesta de Santiago acollerá un festival solidario a favor de Palestina baixo o lema “Cultura contra a Barbarie”.
Dúas horas de música con algúns dos referentes do hip-hop actual. Un concerto solidario a favor de Palestina no que participarán Dios Ke Te Crew, Rebeliom do Inframundo, High Paw, Nadie González, C. Mirazo, Yslem e TIAM Gz.
O evento estará presentado por Iván Prado, recoñecido polo seu compromiso con causas sociais e culturais encabezando a ONG Pallasos en Rebeldía, organizadora do evento.
Todos os artistas súmanse a esta iniciativa de xeito altruísta para poñer voz á solidariedade do pobo galego co palestino. Os cartos das entradas, dispoñibles en inscribirme.com , transformaranse integramente en axuda humanitaria para colaborar con entidades palestinas sobre o terreo.
Ademais, na Gala participará Sara Ashour, palestina residente en España. Sara compartirá a súa experiencia persoal e a dos seus familiares en Palestina, achegándonos unha perspectiva única sobre a realidade que enfronta a poboación na rexión. O seu testemuño engadirá unha dimensión humana e próxima á causa, recordándonos a importancia da empatía e a solidariedade nestes tempos difíciles.
A masacre actual, sumada a décadas de opresión ao pobo palestino, deixará unha marca indeleble nas xeracións futuras. Desde a organización destacan o poder transformador da cultura como medio para transmitir solidariedade e conciencia social. Este concerto representa un acto de resistencia cultural, onde a música e a arte únense para expresar solidariedade e rexeitar a barbarie.
O concerto da Malatesta marca a sétima gala solidaria organizada por estas entidades dende o punto de inflexión do conflito. Ao longo destas iniciativas, miles de persoas uníronse para mostrar o seu apoio, recadando fondos que foron destinados a entidades locais que traballan directamente no terreo. Ademais, é importante sinalar que algunhas destas axudas foron perdidas en bombardeos, o que subliña aínda máis a necesidade de colaborar e brindar apoio continuo.
A recadación de fondos desta gala destinarase a proxectos e entidades que traballan activamente sobre o terreo proporcionándolles axuda humanitaria, como maletíns de primeiros auxilios, alimentos, medicinas e xoguetes para os máis pequenos. Esta iniciativa está organizada por Pallasos en Rebeldía e Culturactiva S. Coop., conta coa colaboración da Sala Malatesta, Galiza por Palestina e BDS Galiza.