Postura do goberno municipal (PP) e resumo do pleno
O orzamento de 9 millóns de euros presentado polo Goberno de Ordes no pleno que tivo lugar onte non saíu adiante polos votos da oposición. Unha negativa que impide continuar co procedemento para a entrada en vigor dunhas novas contas que se incrementan case o 6% con respecto ás do exercicio pasado.
Este rexeitamento supón que queden pendentes investimentos por unha achega de 450.000 € provintes de
Un momento do pleno de orzamentos celbrado nos baixos da Alamedafondos propios. Uns cartos destinados a obras e infraestruturas en bens destinados a uso xeral (174.000 €), aparcamento da zona do Valado (29.500 €), novo ximmasio do pavillón Campomaior (108.500 €), mellora de instalacións deportivas (33.000 €) entre outras. En termos xerais sobresaen o 1.741.000 €, o 19,34% do total dos orzamentos, destinados a investimentos. Neste senso o informe emitido por Tesourería asegura que estes “preséntanse nivelados, dando cumprimento ao disposto pola lei no senso de que deben aprobarse sen déficit inicial”.
No dito informe os novos orzamentos “caracterízanse polo mantemento de servizos esenciais, con especial dedicación aos colectivos máis desfavorecidos”. As liñas fundamentais son “o saneamento das contas municipais mediante a contención do gasto público; a sustentabilidade dos servizos municipais fundamentais; o mantemento dos créditos ás políticas sociais, de emprego, fomento económico e investimentos produtivos”. Aumentarían as partidas destinadas a “políticas sociais (gastos sociais, educativos, deportivos e culturais), ao igual que as actuacións de protección e promoción social (máis do 13%). O mesmo ocorre nun 27% no caso da produción de bens públicos de carácter preferente (educación, cultura e deporte) e todo grazas a un maior control do gasto nos servizos xerais e cunha diminución dos custos de órganos de goberno. Tamén se inclúen créditos suficientes para posibles recoñecementos extraxudiciais de créditos”.
Con todo isto os orzamentos cumpren co disposto na Lei orgánica de estabilidade financeira ao presentar unha capacidade de financiamento de máis de 1.031.000 €, e cumprir coa regra de gasto e co límite de débeda.
No apartado de mocións o BNG viu aprobadas coa unanimidade de todos os grupos as súas peticións. Estas atendían á instalación paulatina de contedores soterrados para o lixo e outros integrados especialmente en zonas protexidas, así como emprender campañas de sensibilización para o mantemento do ornato público, o coidado do aspecto exterior e o mantemento en bo estado das cabinas telefónicas. Unha filosofía que corresponde co argumentario e co programa do equipo de Goberno no que se refire ao mantemento e acondicionamento dos espazos públicos. Tamén se instará a Fomento para a creación dun enlace da circunvalación a Ordes coa estrada DP-3802 Ordes-Ponte Carreira polo viaduto da Agra de Vello, e prever un paso superior pola circunvalación na estrada que comunica A Eirexe coa N-550, na parroquia de Pereira
Ante a solicitude da voceira socialista de dar publicidade aos contratos menores na páxina web do Concello o Goberno Local informou da próxima publicación das actas da xunta de goberno no mesmo espazo, documentos onde se dá conta das facturas e pagos efectuados. Na quenda de debate o BNG advertiu do risco que isto suporía para a axilidade da actividade realizada polos traballadores municipais.
Fonte de Esmorís
No momento dos rogos o alcalde, José Luis Martínez Sanjurjo, deu conta “que a retirada da pasarela de madeira situada na fonte de Esmorís foi unha actuación necesaria para poder executar as obras de arranxo deste manancial, tal e como solicitaron os titulares desta”. Unha vez máis o rexedor insistiu en que o Concello de Ordes non é o propietario nin titular da dita fonte, e que o feito de que leve dous meses sen servizo non é por mor do Concello. Concretou que o problema deriva da rotura do depósito interior, o cal se vai substituír por un novo ao longo da vindeira semana. Tras isto, e de xeito inmediato, o Concello volverá recolocar a pasarela.
Postura do BNG
O BNG de Ordes votou en contra dos presupostos municipais presentados polo goberno do PP.
Os nacionalistas opinan que na proposta presentada non se modificaba a xestión de servizos altamente deficitarios para evitar a sangría de recursos do concello como a ORA cun deficit de 21.696,76 €, o Museo do traxe con 47.383,76 € ou Radio Ordes con 41.740,60 €.
Pablo Vidal fixo fincapé na necesidade de municipalizar o servizo de limpeza, conserxería e mantemento dos pavillóns municipais xa que na súa opinión “prestar directamente este servizo abarataría o custe do mesmo xa que se suprime o beneficio industrial da empresa”.
Segundo o edil nacionalista “non se aproveitan os recursos municipais ao non sacar a concurso a xestión da cafetería do centro comarcal, xa que existe demanda da veciñanza para a súa explotación”. Así mesmo critica tamén a “inexistencia de partidas orzamentarias para a posta en funcionamento do viveiro de empresas nese mesmo edificio”.
Vidal tamén foi moi crítico coa redución do alugueiro ao ministerio de interior polo uso do cuartel da garda civil. Para o portavoz nacionalista resulta “lamentable que o concello de Ordes actúe de mecenas desta institución” ao reducir á metade o alugueiro que viña percibindo, pasando de 36.144 €/ano a 18.287,08 €. Desde o BNG apuntan que o concello gastara mais de 400.000 € na adquisición e acondicionamento do citado local.
Postura do Psoe
O PSOE de Ordes votou en contra dos Orzamentos para 2016 polos importantes recortes do PP en materia de comercio e medio ambiente
Os socialistas sacaron adiante unha moción, a pesar do voto en contra do PP, que obriga ao alcalde a publicar mensualmente na páxina web do Concello todos os contratos menores que se asinen
Ordes, 1 de xuño de 2016.- O PSOE de Ordes votou en contra da proposta de Orzamentos presentada polo alcalde polos importantes recortes que inclúen en materia de comercio, turismo e pemes (case un 33%) e medio ambiente (un 25%). A voceira municipal socialista, Verónica Gómez, explicou que “en Ordes hai case un milleiro de persoas desempregadas e o comercio local, así como as pequenas e medianas empresas, son a principal fonte de ingresos para gran parte da veciñanza, polo que consideramos que apoialos é fundamental, tal e como fixemos os socialistas cando puxemos en marcha a campaña Merca en Ordes”.
Gómez tamén criticou a forte reducción da partida de Medio Ambiente, que sufríu un recorte do 25%, e que as achegas comprometidas polo Grupo de Goberno en materia de Servizos Sociais non chega ás peticións realizadas polo grupo municipal socialista, xa que por primeira vez nos últimos anos non se incrementan ao mesmo ritmo que en Orzamentos anteriores.
Maior transparencia
Na quenda de mocións, os socialistas sacaron adiante unha proposta que obriga ao Goberno Local a publicar mensualmente na web municipal a adxudicación de todos os contratos menores que asina, con independencia da súa cuantía e do procedemento de adxudicación. Un acordo que saíu adiante a pesar do voto en contra do Partido Popular, que pedíu a retirada da moción argumentando que tiñan previsto publicar as Xuntas de Goberno Local. Finalmente, a moción saíu adiante grazas aos votos a favor de PSOE, BNG e UXO, fronte ao voto en contra do PP.
Verónica Gómez lamentou que o PP non se sumase a esta iniciativa “en aras a mellorar a transparencia no noso concello e, sobre todo, cando na Deputación da Coruña aprobouse unha proposta case idéntica presentada pola Marea Atlántica e que si foi apoiada polo Partido Popular”.
Os socialistas ordenses retiraron as outras dúas mocións presentadas. A primeira, na que pedían a ampliación do prazo de alegacións do PXOM, porque o Grupo de Goberno se escudou en que o prazo vencera un día antes do pleno. “É unha mágoa que o alcalde non quiera ampliar o prazo un mes máis, tal e como permite a lei e dado o alto nivel de alegacións, pois iso permitiría tamén completar as charlas polas parroquias co equipo redactor, posto que soamente se fixeron charlas en Santa Cruz, Ordes e Mesón do Vento”, lamentou Verónica Gómez.
Finalmente, os socialistas aceptaron trasladar o debate sobre o cambio de titularidade de varias estradas que pertencen á Deputación á Comisión do próximo Pleno. Os socialistas piden que a Rúa do Recreo, a Rúa Rosalía de Castro e a estrada que vai dende a Ponte do río Cabrón ata a estrada AC-524 (Ordes-Pontecarreira) pasen a ser titularidade do Concello, para así poder axilizar calquera trámite nas mesmas. Os técnicos municipais proporán que outras rúas, actualmente municipais, deberían ser asumidas pola entidade provincial.