Ames, 5 de xuño do 2019 – O Fútbol Club Meigas abre os adestramentos ao público ata o próximo día 21 co obxectivo de dar a coñecer o funcionamento do equipo, promover o fútbol sala feminino e captar novas xogadoras.
As xornadas que organiza o Club Meigas terán lugar os mércores no pavillón polideportivo do Milladoiro e os venres no de Bertamiráns. Os adestramentos estarán divididos en dúas quendas segundo a idade. Por un lado, no Milladoiro, de 18:30 a 19:30h poderán acudir as nenas nadas do 2007 ao 2015, e de 19:30 a 20:30h as rapazas nadas no 2006 ou anos anteriores. Por outra banda, a Bertamiráns acudirán de 18:00 a 19:00 as nenas nadas entre o 2015 ao 2007, e de 19:00 a 20:00 horas as rapazas nadas de antes do 2006.
O equipo foi posto en marcha no ano 2004. O obxectivo dende a súa fundación foi ofrecer ás xogadoras do concello a posibilidade de practicar fútbol sala, formar unha canteira de xogadoras, e que pouco a pouco sexan elas as que fagan crecer o club. Dende a súa posta en marcha foi aumentando o número de equipos e de participantes ata chegar actualmente a estar composto de 5 equipos e arredor de 60 xogadoras.
Hai que destacar que este ano o F.C. Meigas, despois de cinco tempadas, volve a máis alta categoría do fútbol sala galego. No pasado mes de xullo, a Real Federación Galega de Fútbol comunicoulle á directiva a inscrición do seu primeiro equipo na liga autonómica galega de cara a temporada 2018 -2019. Este ascenso de categoría vén a reforzar a clara aposta deste club pola canteira, pois acadárono cun equipo integrado na súa totalidade por xogadoras formadas na canteira.
O Fútbol Club Meigas encárgase de impartir as escolas deportivas municipais de fútbol sala feminino. Para obter máis información podese chamar ao número de teléfono 670 518 120, enviar un correo electrónico ao enderezo fcmeigas@gmail.com, entrar na páxina web www.fcmeigas.com ou consultar o seu Facebook.