Compostela, 24 de setembro do 2021 – O Festival Internacional de Cine Curtocircuíto celebrará a súa 18ª edición do 2 ao 10 de outubro en Compostela.
Para esta edición Curtocircuíto consolida unha programación, segundo a organización, “arriscada e interdisciplinaria que fai de Santiago de Compostela o punto de encontro de todas as artes”.
Na presentación, realizada na terraza do Concello de Santiago participaron Xosé A. Sánchez Bugallo, alcalde de Santiago; Mercedes Rosón, concelleira de Acción Cultural de Compostela; Anxo Lorenzo, secretario xeral de Cultura da Xunta de Galicia; Xurxo Couto, deputado provincial de Cultura da Deputación da Coruña; e Pela do Álamo, director de Curtocircuíto.
Programación
A rolda de prensa serviu para avanzar moitos detalles da programación do Curtocircuíto 2021. Destacan o Foco dedicado á figura do director francés Yann González; a sección Púlsar, que reunirá a obra de Caroline Poggi e Jonathan Vinel, referentes dunha nova onda de cineastas que entenden o cinema como arma de expresión crúa e sincera.
Tamén se presentou a residencia artística Curtocircuíto, en colaboración con Cuarto Pexigo, que este ano se lle concede a Bandia Ribeira; a segunda edición do comisariado interdisciplinar que esta vez xuntará a Paciencia + Sau-Ching Wong + Ak-zi-å.
Yann González
Un dos protagonistas de esta edición é o autodefinido como herdeiro de Almodóvar. O cine lúbrico de Yann González bebe de todas as referencias posibles e destrúeas todas para repartilas por toda a súa filmografía. O seu traballo apela directamente ás vísceras, á beira máis estética do ser humano: non quere explicar a sociedade, as relacións ou a noite; quere facer sentir.
Tras uns inicios como crítico de cinema, González pasou á dirección coa curta By the Kiss. Finalista en festivais como Locarno ou Cannes, Curtocircuíto dedicaralle un foco para mostrar unha selección de seis das súas películas. Na mostra atópanse traballos como Les îles, que
demostra como o mundo creativo de González é o mundo da noite; Un couteau dans le coeur que apela á liberdade da autodefinición e autoexploración; ou By the Kiss, onde exhibe un tortuoso bucle de paixón. A selección complétase con Perez, Lles Vacances continuent, a cinta Les rencontres d’ après minuit, unha das sensacións da última Semana da Crítica de Cannes, e Croche, Rotten Plum.
Trailer de Les îles
Púlsar: o cine xeracional de Caroline Poggi e Jonathan Vinel
Púlsar é enerxía, novidade e risco. Esta sección de Curtocircuíto ten a misión de detectar e programar a autores novos cun traballo sólido que xa delate unha mirada e unha linguaxe propia.
Os cineastas Caroline Poggi e Jonathan Vinel protagonizan esta sección, visitando por primeira vez un festival onde foron seleccionados en múltiples ocasións. O seu cinema, cru e sincero, retrata unha xuventude nihilista abocada a unha fatalidade imposible de evitar.
A selección de 13 filmes inclúe traballos como Martin pleure ou Notre heritage, que mostran a capacidade desta parella de cineastas para mesturar a virtualidade ou os videoxogos, cunha ficción moi estetizada onde se busca reinterpretar a imaxe máis aló da súa concepción clásica.
Bébé Colère
Proxectos marcados pola interdisciplinariedade
Co apoio de Cuarto Pexigo, o festival organiza un ano máis a súa residencia artística, que pon o foco na intersección das diferentes artes visuais. A artista invitada este ano será a fotógrafa Bandia Ribeira, que durante a celebración do festival abordará un proxecto centrado en reivindicar unha imaxe de Santiago de Compostela que diste das tradicionais representacións da cidade.
Ante unha situación de cambio marcada pola explotación turística nos tempos dunha crise sanitaria, esta residencia artística busca dotar á cidade de imaxes que redescubran as orixes dun casco histórico sepultado nunha avalancha dixital de imaxes tópicas e superficiais. É por iso que a residencia deste ano propón revisitar os seus espazos, arquitecturas e rúas.
Bandia Ribeira é unha fotógrafa galega oriunda de As Pontes que reside en Almería e ten participado en diversas exposicións e festivais de fotografía como Encontros da Imagem 2016 (Portugal), Diffusion Festival 2015 (Gales), Scan Photobooks 2014 (Tarragona) ou Bienal de Arte Pintor Laxeiro 2017, en Lalín (Pontevedra).
Ademais, este ano, a dirección artística do festival retoma o comisariado interdisciplinar que xuntará, nun proxecto que se desenvolverá durante o propio festival, aos artistas sonoros Paciencia, á bailarina neerlandesa Sau-Ching Wong e á artista visual galega Ak-zi-å. O resultado deste laboratorio será presentado no acto de clausura do festival o próximo 10 de outubro.
Xurado interdisciplinario
Curtocircuíto anunciou hoxe tamén os seus xurados para as diferentes seccións competitivas do festival, nos que se atopan profesionais de diversas áreas relacionadas coa creación artística e audiovisual. Os profesionais que formarán parte do xurado e outorgarán os premios
das seccións competitivas do festival son: a cineasta francesa Caroline Poggi, a quen se adica a sección Púlsar; o director arxentino Alejo Franzetti, que forma parte do equipo de selección de Berlinale e do Festival de Curtametraxes de Hamburgo; a cineasta e produtora
Leire Apellaniz; Gonzalo de Pedro, director artístico de Cineteca-Matadero; Nuria Cubas, directora de Filmadrid; o realizador Santos Bacana; a alemá Anna Henckel-Donnersmarck, directora de Berlinale Shorts; e a artista ourensana Enar de Dios, cuxa obra transita entre o traballo museístico, o expositivo e o ensaio.
