Teo, 28 de setembro do 2021 – As Tanxugueiras estarán este venres en en Calo, no marco do Festeo 2021, na explanada da Escola infantil de Calo ás 21:00 horas.
O concerto de Tanxugueiras é de balde pero para asistir hai que reservar entrada escribindo a entradasconcerto@teo.gal ou a través das asociacións do Concello.
Cantareiras e veciñas
As Tanxugueiras son cantareiras dunha nova década, como elas se definen na súa web. A formación está formada polas voces de Olaia Maneiro, Aida Tarrío e Sabela Maneiro, converténdose nas máximas expoñentes dunha xeración aberta á evolución e reformulación das músicas de creación colectiva galega.
Co seu primeiro álbum homónimo, publicado en 2018, o trío inicia unha traxectoria que as leva a visitar, en só 3 anos, máis de 100 escenarios de todo o planeta acompañadas polas súas pandeiretas. No 2019 chega Contrapunto, un disco que incrementa as revolucións da música galega coa reinterpretación de coplas tradicionais, ateigadas de arranxos e harmonías diversas.
Neste 2021, as Tanxugueiras presentaron xa dous singles con gran impacto. Midas, que fala do egoísmo e a avaricia, ten como protagonista ao tamén músico Xisco Feijoo e que leva máis de 400.000 reproducións en Youtube. Por outra banda hai dous meses sacaban Figo que supera tamén as catrocentas mil reproducións e que acaba de ser nova por gañar a enquisa que se fai en España sobre posibles candidatos a acudir a Eurovisión.
Dase a circunstancia de que dúas das Tanxugueiras son veciñas de Teo así que este venres tocan en Calo pero tocan tamén na casa.