Ames, 21 de xullo do 2018 – Despois de cinco tempadas o F.C. Meigas volve a máis alta categoría do fútbol sala galego. O pasado domingo, 15 de xullo, a Real Federación Galega de Fútbol comunicoulle á directiva do a inscrición do seu primeiro equipo na liga autonómica galega de cara a temporada 2018-2019.
Na tempada 2013-14, debido a dificultades económicas alleas a xestión do club, a directiva do F.C.Meigas decidía rexeitar a praza en categoría autonómica e dar a carta de liberdade a todas as xogadoras do primeiro equipo, centrando, desta maneira, todos os seus esforzos e recursos nas categorías de base, e confiando nos froitos que a formación das rapazas da canteira producise nun futuro, que se converte en presente nesta tempada.
Dende a directiva explican que “este ascenso de categoría vén a reforzar a clara aposta do club pola canteira, pois acádase o ascenso cun equipo integrado na súa totalidade por xogadoras formadas na canteira do F.C. Meigas”. O equipo foi posto en marcha no ano 2004. O obxectivo deste club dende a súa fundación foi ofrecer ás xogadoras do concello a posibilidade de practicar fútbol sala, formar unha canteira de xogadoras, e que pouco a pouco sexan estas xogadoras as que fagan crecer o club. Dende a súa fundación o club foi aumentando o número de equipos e de participantes ata chegar actualmente a estar composto de 5 equipos e arredor de 60 xogadoras.