Compostela, 10 de abril do 2019 – O dúo coruñés Vudú presenta este xoves na Casa das Crechas, 21:00 5€, o seu novo traballo Vudú Vol. III.
O dúo Vudú está formado por Belém Tajes, voces e teclado, e Maritxinha, baixo e loops. No ano 2016 acadaron o premio á mellor canción en Galego por ‘Eu son VooDoo’ no certame Musica Xove e ao ano seguinte o Premio Martín Códax da Música galega na categoría Blues/Funk/Soul. Con estes galardóns conseguen consolidarse no seu estilo, íntimo e elegante, e comezan a explorar novos formatos en directo até chegar á proposta que as define na actualidade: música íntima e elegante para ‘grandespequenos’ momentos.
Co seu primeiro disco editado, ‘Vudú Vol III’ combinan letras tradicionais que veñen directamente das súas avoas con ritmos pop, percusións electrónicas e tintes jazz e soul. Vudú é unha música de esencia feminina, chea de sensualidade que pretende reivindicar a forza dos cantos tradicionais de Galicia.
‘VUDÚ VOL. III’, o disco
Partindo de letras tradicionais, Vudú atrévese nesta ocasión tamén con ritmos cercanos aos anos cincuenta en temas como ‘Xa me dixo’, a versionar cancións populares como en ‘Unha noite na eira do trigo’ e ‘Eu chorar chorei’ e tamén a presentarnos propostas de composición propia coma o é ‘Lingua’, que xira arredor das linguas minorizadas.
Vudú Vol. III foi gravado en Drum&Roll (A Coruña) e El Observatorio Musical (Madrid). Conta con Nicolás Viéites na produción musical e con colaboradores e colaboradoras moi especiais como Adrián Seijas (Misterioso viaje a Holanda, Xoel López) nas percusións ou Nata Álvarez (Swingdigentes) ao saxofón.