Compostela, 20 de outubro do 2020 – O Delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, visita este martes o Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares, CIQUS, dependente da USC.
O CiQUS da USC executa na actualidade once proxectos de investigación financiados polo Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades. As achegas do Ministerio supoñen un valor de case dous millóns de euros. O CIQUS é un dos centros que máis fondos captou ao abeiro da convocatoria 2019 de axudas a proxectos de I+D+i no marco do ‘Programa Estatal de Generación de Conocimiento y Fortalecimiento Científico y Tecnológico.
A devandita convocatoria financia proxectos sen orientación temática previamente definida, que están motivados pola curiosidade científica e teñen como obxectivo primordial o avance do coñecemento, independentemente do horizonte temporal e do eido de aplicación do mesmo. Asemade, outórgaselle financiamento a proxectos orientados á resolución de problemas vinculados aos oito grandes retos da sociedade incluídos no Plan Estatal de I+D+i 2017-2020.
Na visita tamén tomarán parte o vicerreitor de Investigación e Innovación, Vicente Pérez Muñuzuri; o director do CIQUS, José Luis Mascareñas; así como a súa directora adxunta, Dolores Pérez. A subdelegada do Goberno na Coruña, Pilar López, tamén estará presente no acto.