Ames, 28 de xaneiro do 2019 – O CEIP de Barouta celebra, coa colaboración do Concello de Ames, a terceira edición da súa carreira solidaria o vindeiro mércores, 30 de xaneiro, con motivo da conmemoración do día pola paz e a non violencia.
Este ano á carreira solidaria non só acudirán os/as mestres/as, familias e alumnado deste colexio, tamén participarán o alumnado de 6º de primaria do CEIP de Agro do Muiño e do CEIP A Maía, o EEI Cobas, e mestres e familias de ditos centros. Baixo o lema “Barouta Móvese pola Paz”, o colexio pretende implicar a toda a comunidade nun acto solidario co que se recadarán recursos para o Banco de Alimentos do Concello.
Trátase de lembrar a necesidade de educar en base a valores como a tolerancia, a solidariedade, o respecto aos Dereitos Humanos, a non violencia e a paz. Desde o centro animan a participar a toda persoa que queira achegarse e colaborar con aceite, azucre, cacao en po, ou outros bens non perecedoiros, produtos de limpeza ou de aseo persoal. Os alimentos recadados serán entregados ao Concello, responsable da súa distribución.
A carreira comezará ás 12.00h, posto que ás 11.30 terá lugar a entrega de dorsais e o quecemento previo. Durante a mañá, Pedro Nimo e Paula Mayobre participarán nun encontro cos cativos e cativas, no que ambos referentes do atletismo galego compartirán un faladoiro con eles/as para falarlles da importancia do deporte. Ao rematar a carreira, cada crianza recibirá unha mochila cunha pequena merenda e unha medalla, que o alumnado elaborou durante a semana previa nun obradoiro de cerámica do colexio, onde as fabricaron e decoraron. A proba pretende ser un evento festivo e inclusivo, no que se buscará deixar de lado o carácter competitivo da carreira. Por elo, todos os participantes obterán o mesmo agasallo, con independencia da orde de chegada. Así, os circuítos están pensados tanto para ser realizados camiñando como correndo, co obxectivo de que resulten abarcables para todos os participantes, polo que o circuíto máis grande conta cun percorrido dun quilómetro.
Patrocinios
Esta iniciativa conta co patrocinio e a colaboración dun total de vinte e dúas organizacións e entidades, tanto públicas coma privadas.
Ademais do Concello de Ames e ANPA San Mauro, tamén patrocinan o evento a Xunta de Galicia, a Clínica de podoloxía Noemi Sanluís, GaliTiming, Feiraco, Tómate mas fruta, Mudanza Camilo, Senmediastintas Solucións Gráficas, Garacopter Audiovisuales, Centro de estética VM, Gadis, Tropic Burguer, Construcciones Iglesias Mera, S.L.,ADDOMO Arquitectura Modular, Café Don Budi, Panadería Sabela, Restaurante Alto do Vento, Cabaniñas do Bosque, Correduría de seguros Mariñas, Construcciones J. Luís Beiras e Seguros Zarahuza.