Vedra, 10 de decembro do 2021 – Organizada pola Asociación de Gaiteiras Galegas, Vedra celebra este domingo unha xornada dedicada ao baile tradicional.
A cita esta apoiada desde a Deputación da Coruña e conta coa colaboración do concello de Vedra. Este encontro está pensado tanto para os profesionais do mundo da danza, como para todos aqueles interesados no baile tradicional, para que poidan completar os seus coñecementos e participar de xeito activo na mellora e dinamización da nosa tradición.
A xornada terá unha serie de relatorios, a modo de obradoiros, nos que participarán Montse Rivera, Pichi Abollado, David A. Cárcamo “Oumaña” e Denise Silva.
Programa
As actividades comezan as dez e cuarto da mañá na nave da estación de Santa Cruz de Rivadulla. O programa seguirá co seguinte orde
10.30 – Relatorio – Obradoiro I: “O bailar na Limia e a Baixa Limia, muiñeira e xota” – Montse Rivera
12.00 – Descanso
12.15 – Relatorio – Obradoiro II: “Unha achega ó baile solto en Ameixenda de Cee” – Pichi Abollado.
13.45 – Remate sesión da mañá
16.30 – Relatorio – Obradoiro III: “O baile no Val de Ancares e arredores” – David A. Cárcamo “Oumaña” e Denise Silva
As inscricións deberán facerse nos teléfonos 986 84 70 74 ou 982 22 99 66 ou enviando un correo electrónico a secretaria@gaiteirosgalegos.gal indicando nome, apelidos, un teléfono de contacto e mail.
Os obradoiros son de balde e as prazas limitadas, tendo preferencia @s soci@s da AGG.
A celebración das xornadas levarase a cabo cumprindo todas a medidas de seguridade necesarias por mor da COVID-19.
A Asociación de Gaiteiras Galegas ten como obxectivo destas xornadas difundir a cultura tradicional e fomentar este tipo de encontros, que “consideramos imprescindibles, xa que se amosa a riqueza cultural dunha maneira aberta, chea de contidos e na que se pode participar de xeito activo, contribuíndo e potenciando deste xeito a divulgación da cultura e a súa conservación”.