Compostela, 24/07/2026 (por Manel Pardo) – Cando se trata de contratos tan complexos sempre hai que ser cauto pero Compostela podería ter un novo servizo urbano de transporte en tres meses.
O novo transporte urbano de Santiago, que leva por nome Stela, porá a cidade “no século XXI” a dicir do goberno municipal. Renovación da flota, información en tempo real cada 5 segundos, máis liñas e máis territorio cuberto e un contacto real coa cidadanía.
Unha das eivas do transporte actual é a dificultade da veciñanza en queixarse, facer consultas ou resolver calquera incidencia. Moitos acabamos no seu día queixándonos en X (antigo Twitter) como método para denunciar a un condutor que as 8 da noite en pleno inverno conducía a toda velocidade e coas gafas de sol postas.
O novo prego que ven de adxudicarse inclúe todo tipo de comunicacións coa empresa. Redes, correo electrónico, teléfono e a apertura dunha oficina nun lugar céntrico da cidade. Ë un cambio fundamental porque só escoitando á veciñanza poden mellorar os servizos.

Un investimento para 13 anos
Sen supersticións que vallan, o novo servizo de transporte adxudícase por 13 anos e conta cun orzamento de 118,8 millóns de euros, 10 millóns menos que o previsto na licitación. A adxudicación é a unha unión temporal de empresas formada por Alcalabus, Castromil e Autobuses Urbanos de Lugo; empresas que forma todas parte do grupo Monbus.
A alcaldesa, Goretti Sanmartín, lembrou que “fixemos unha aposta clara polo transporte público, por gañar persoas usuarias nos autobuses en detrimento do vehículo privado”. Engadiu que “a partir de outono vai cambiar radicalmente o servizo, imos ter unha maior cobertura xeográfica, mellores horarios e frecuencias, e unha maior fiabilidade; e todas esas melloras mantendo tarifas moi accesibles para a veciñanza”.
O concelleiro de Mobilidade, Xan Duro, reiterou que “o piar dunha mobilidade máis sostible é un transporte colectivo que sexa fiable, que cubra as necesidades da veciñanza, e que teña prezos asequibles”. Duro dixo tamén que “o esforzo económico que fai o Concello neste contrato, que responde ao convencemento de que este é un servizo público esencial”.
O novo contrato asinarase transcorridos 15 días hábiles desde a adxudicación pola Xunta de Goberno e, a partir dese momento, a UTE terá un prazo máximo de tres meses para iniciar a prestación do servizo nas condicións que se recollen no prego.

Un ano para renovar a frota con melloras desde o inicio
O inicio do servizo farase cunha frota provisional, que a empresa adxudicataria terá un prazo máximo de 12 meses para substituír polos autobuses definitivos, todos novos. Para garantir o mellor servizo, nos propios pregos estableceuse a obriga de garantir uns estándares de calidade e seguridade, que tiveran en conta cuestións como a accesibilidade, o confort ou o aforo. A empresa adxudicataria logrou a máxima puntuación posible neste apartado, “de modo que garantimos un enorme salto de calidade desde a entrada en vigor do contrato”.
Os novos autobuses do transporte urbao, durante o período de transición, terán unha antigüidade máxima de entre 7 e 9 anos. 15 deles serán xa 100% eléctricos e a UTE ofertou autobuses provisionais de piso baixo integral e sistema de inclinación lateral para facilitar a accesibilidade; 40 dos 67 vehículos terán dobre rampla manual e automática; máis do 40% contarán con sistema de guiado óptico-acústico para persoas con discapacidades auditivas ou visuais; e os vehículos terán o mesmo tamaño e aforo que a frota definitiva, cun total de 6.150 prazas fronte ás 4.951 das que dispón a frota actual.
Melloras previstas e non previstas
Unha vez que empece a funcionar a frota definitiva, nun prazo máximo de 12 meses desde a entrada en funcionamento do servizo, volveranse percibir melloras, algunhas delas non previstas inicialmente nos pregos e ofertadas pola adxudicataria.
O concelleiro de Mobilidade salientou as melloras que teñen que ver coa accesibilidade, como a utilización de sistemas de información multimedia no vehículo; a incorporación de pictogramas específicos para persoas con TEA ou información en braille; ou a aplicación do sistema Navilens para persoas con dificultades visuais e auditivas. Ademais, a UTE adxudicataria ofertou melloras en canto aos sistemas de seguridade dos vehículos e o confort de pasaxeiros, como a incorporación de puntos de recarga de moviles ou a wifi gratuíta nos autobuses.

Nova imaxe que mira ao pasado
Na rolda de prensa tamén se deu a coñecer como será a nova imaxe dos autobuses de Compostela, tal e como aparecía recollido nos pregos. Os vehículos recuperarán a combinación de cores azul e crema que tiveron ata os anos 90, incorporando unha franxa vermella que fai alusión á bandeira de Santiago. Esta nova imaxe utilizarase xa na frota de transición coa que empezará a funcionar o novo contrato.
A entrada en vigor do novo contrato irá acompañada dunha importante campaña informativa para dar conta das mudanzas no servizo. Tal e como lembrou a alcaldesa, modificarase sensiblemente o mapa de liñas, para ampliar a cobertura e evitar solapamentos.
As principais novidades son a denominada liña “Transantiago”, que irá desde o límite de Santiago co Milladoiro ata o límite de Santiago con Sigüeiro cunha frecuencia de 30 minutos; e as liñas alimentadoras do rural. Serán un total de tres: a primeira cubrirá os lugares de Barciela, Busto, Nemenzo, Berdía, Marzo de Abaixo, Son, A Gracia e Bálsoma; a segunda irá por Santa Cristina de Fecha, Lamascal, San Xoán de Fecha, Brins e Pardaces; e a terceira daralle servizo ás parroquias de Marrozos e O Eixo. As persoas usuarias destas liñas terán dereito a dous transbordos gratuítos para poder completar as súas viaxes desde as parroquias ata o centro urbano.
Ademais, mantense a liña lanzadeira ao aeroporto, con frecuencias de 30 minutos desde as 7 da mañá ata as 24.30 horas; e refórzase o servizo aos polígonos industriais, ampliando os horarios destas liñas desde as 7 da mañá ata as 11 da noite. Tamén se introduce o bus nocturno de mércores a sábado, con servizos desde as 23.00 ata as 5.00 nas dúas liñas circulares que cobren o traxecto de Fontiñas, Hospitais, Campus Sur, Vite e Campus Norte.
Este redeseño das liñas virá acompañada da renovación do Sistema de Apoio á Explotación, que tamén suporá unha notable mellora do servizo para as persoas usuarias, que disporán dunha nova APP que ofrecerá información interactiva das liñas, coas súas frecuencias e horas de paso por cada parada, dar conta da previsión da ocupación da viaxe seleccionada, ou informar da xeolocalización de cada autobús en tempo real. Tal e como se recolle no prego, a información deberá ser actualizada cada 5 segundos.
En canto ás tarifas, o prezo estimado do billete ordinario será de 1,40 euros; e o do billete escolar queda en 0,56. Co bono ordinario, a modalidade máis utilizada, o prezo da viaxe será de 0,63 euros, só 3 céntimos máis que na actualidade. O bono mensual, que dá dereito a viaxes ilimitadas durante 30 días, quedaría en 35 euros.
