Touro, 8 de maio do 2019 – Augas de Galicia ven de abrir un novo expediente sancionador contra Explotaciones Gallegas por obras non autorizadas no río Portapego.
Según o expediente a empresa responsable desviou o curso do regato subtraendo as augas públicas, tal e como relatan os axentes nas actas de inspección. No informe Augas de Galicia cualifica as actuacións de Explotaciones Gallegas como posible “figura delictiva”, constatando os feitos denunciados pola asociación Aldea Viva.
O pasado outono e inverno as augas do rego Portapego cargadas con lodos da mina rebordaron polas rúas do núcleo de Fontedíaz en Touro, despois de que a propietaria da Mina efectuase movementos de terra e desviara parte deste rego.
Aldea Viva defende que o propietario da mina, como causante, é quen ten que restaurar os terreos e resolver a contaminación do Portapego.. Esta asociación xa reprobou en reiteradas ocasións os investimentos públicos feitos por distintas administracións no rego coa finalidade de “tapar” as desfeitas causadas polo propietario da mina. O colectivo lembra que non hai tanto a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez comprometeu 60.000 euros de diñeiro público para ampliar unha canalización coa pretensión de que os lodos da mina non entullen a canle e circulen río abaixo até o Ulla.
Augas de Galicia tamén notificou ao Concello de Touro para que se absteña de dar calquera permiso ou licenza nestes terreos mentres non se resolva o expediente.